CIG-Banca convoca concentracións contra o ERE nas oficinas do BBVA de Compostela o 28 de abril

A entidade pretende xustificalo por mor da dixitalización e dunha presunta perda de beneficios

Nacional -

A sección sindical da CIG do BBVA vén de anunciar a convocatoria de concentracións, para o vindeiro mércores día 28 de abril, diante das oficinas da Senra, Alfredo Brañas e Santiago do Estero, contra o ERE previsto pola entidade bancaria.

A sección sindical informa de que na xuntanza celebrada este xoves, día 22 de abril, a Consultora Global de Investimento, presentou o Informe Técnico que se facilitará á Representación Sindical, e que é un avance da información que sustenta e motiva legalmente o Expediente de Regulación de Emprego. Un Informe que basea a decisión da entidade financeira “na escusa da dixitalización e da perda de beneficios como causas principais, así como en datos sectoriais moi negativos”.

Un total de 111 traballadores e traballadoras afectadas en Galiza e peche de oficinas

Segundo explican, a xuntanza rematou cos datos de persoas afectadas en todo o Estado español, e a previsión de peches de oficinas. Datos que, “nun alarde de transparencia-estratexia, o Banco xa trasladou ao persoal nun correo xeral”.

Así, o ERE afectará a 3.798 traballadores e traballadoras de BBVA no conxunto do Estado, mais non presentan axustes para BEC nin para Consumer Finance. Na rede de oficinas de Galiza, son un total de 111 persoas: 66 na Coruña, 9 en Lugo, 10 en Ourense e 26 en Pontevedra.

Canto ás oficinas, a previsión é pechar 59 na Territorial Noroeste, sen que a empresa dera máis detalle, so pretexto de duplicidades, oficinas non estratéxicas e de convenios (como coa Armada).

Tampouco se sabe aínda cal será a afectación nos Servizos Centrais, Direccións territoriais nin nas estruturas intermedias, pero a sección sindical calcula que poderían chegar a estar afectadas unhas 130 persoas en toda Galiza.

Rexeitamento dos argumentos propostos

A sección sindical da CIG non aceptou os argumentos expostos. Segundo explican “nos datos BBVA, sempre fan referencia ao ano 2020, para reforzar o argumento da diminución de ingresos durante 3 trimestres consecutivos, un ano cun forte cun impacto provocado pola pandemia e polas provisións”.

Ademais, entenden que estes argumentos “contrastan co manifestado polo Sr. Torres na Xunta de Accionistas, de hai uns días, na que presumía da mellor cifra de marxe neto dos últimos 5 anos e comparaban, para ben, cos seus pares”.

Unha Xunta na que mesmo afirmaron que “merecen aprobar un aumento salarial do 200% porque eles cumpren os seus obxectivos estratéxicos”, denuncia a sección sindical da CIG. “Quedou claro que se están a aproveitar dunha situación conxuntural (o impacto da pandemia) para forzar medidas estruturais”, engade. E conclúe que “non existe xustificación obxectiva nin económica, nin sequera organizativa, para eliminar 3.798 empregos nunha empresa que presume da súa situación financeira. É unha actuación cínica e inmoral!”

Botar á clientela

A sección sindical entende que calquera sabe que a cifra de vendas dixitais responde a unha obxectivación por parte do banco e é froito maioritariamente do esforzo do persoal. Neste sentido aseguran que “non hai tal cambio de hábitos, nin diminución da demanda, senón que o Banco non quere dar o servizo, botando fora á clientela e, de paso, xustificando despedimentos”.

A sección sindical informa ademais de que, de momento, “non se avaliaron outro tipo de medidas e a nosa postura é que un acordo de prexubilacións é a saída digna para un cadro de persoal ao que, dende a empresa, cualifican de exemplar”.

A CIG entende que o único camiño é unha actuación conxunta e contundente contra o que non é outra cousa que “un atentado contra o emprego, as persoas traballadoras e as súas familias”. Por iso reclama da Dirección que “cambien o paso cun modelo de xestión diferenciado do que están a facer o resto de Entidades. Pídennos que aumentemos clientela e ímola perder froito de peches e despedimentos. É inevitable neste proceso de reestruturación”.

Responsabilidade do goberno

A sección sindical denuncia ademais que estes procesos de reestruturación foron amparados polos sucesivos gobernos, “uns aprobando as reformas laborais e outros que non as dan derrogado” e considera que “causa vergoña allea oír a ministras e ministros que máis semellan tertulianos, criticando o que está da súa man poder cambiar lexislando”.

Por iso a CIG-Banca continúa coas mobilización, as próximas en Compostela, e avanza que as intensificará coa pretensión de que se sumen o resto de centrais sindicais “nun momento excepcional coma este”.

Volver