CIG-Banca denuncia na CNMC un posible pacto entre bancos para restrinxir os horarios de servizo

Demanda que se investigue a coincidencia mesmo dos horarios de atención á clientela
Nacional - 17 Xun 2021

A CIG-Banca vén de presentar denuncia ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) para que investigue se as restricións do servizo de caixa por parte das entidades financeiras, posta en marcha practicamente ao unísono e cos mesmos horarios (de 8 a 11), responde a un pacto entre elas. As denuncias afectan a bancos asociados á AEB (Asociación Española de Banca) e á CECA (Confederación Española de Cajas de Ahorros).

O ano pasado e con carácter previo á pandemia, diversos bancos comunicaron á representación sindical a súa intención de restrinxir os servizos de caixa á clientela, coincidindo mesmo nos horarios de atención. A CIG-Banca denuncia que se trata dunha restrición dun servizo que ten a consideración de básico conforme á lexislación europea e española e que continúa tendo demanda, sobre todo en amplos segmentos da poboación que ten máis dificultades para facer uso das novas tecnoloxías.

Entende que a presentación desta denuncia “era unha obriga social e laboral pero tamén legal”, xa que tendo os representantes dos traballadores e traballadoras comunicación desas restricións, “calar nos tería convertido en cómplices”. E denuncia, ademais que, como outras empresas, as entidades utilizaron a pandemia para forzar cambios nos hábitos da clientela.

Asegura que as políticas comerciais dos distintos bancos son idénticas: as cláusulas nos contratos tombadas pola xustiza, eran practicamente idénticas; as subas de comisións prodúcense case simultaneamente e o mesmo sucede agora coas actuais restricións dun servizo básico asociado ao contrato das contas.

Dobremente antisociais

A CIG-Banca rexeita estas restricións porque “son dobremente antisociais”. Por unha parte, restrinxen os servizos ás persoas que teñen dificultades para usar os caixeiros automáticos ou a banca electrónica. Neste senso lembra que un 38% da clientela non é usuaria da banca electrónica e denuncia que mesmo hai bancos que estableceron comisións e cobran ás persoas, fundamentalmente de idade avanzada, por retirar por caixa o seu propio diñeiro da conta.

Por outra banda, esta restrición de servizos está sendo utilizada nos informes técnicos que os propios bancos están utilizando para tratar de xustificar os Expedientes de Despedimentos Colectivos, é dicir, para despedir ao persoal que tradicionalmente atendía as caixas. “Un posible pacto anticompetitivo”, afirma, “que argumenta despedimentos colectivos”.

Subliña que non estamos ante unha baixada da demanda, que debería ser analizada caso por caso segundo a tipoloxía da oficina, a súa situación (non é o mesmo no rural, que nun polígono empresarial) e a tipoloxía da clientela. “Os bancos restrinxiron, sospeitosamente, ese servizo, ao mesmo tempo, e co mesmo horario”.

Lembra que ao longo dos últimos meses numerosos colectivos están protestando contra os peches das oficinas bancarias e as restricións de servizos e anuncia que a CIG porá a súa disposición un modelo de denuncia para “entre todos e todas forzar á CNMC a investigar contra os abusos bancarios”.