CIG-Banca leva a Lugo as mobilizacións contra a perda salarial e o acoso comercial no sector financeiro

A central denuncia a precarización das condicións laborais e retributivas e as presións que sofre o persoal para colocar produtos que a clientela non demanda
Lugo - 20 Nov 2026

A CIG-Banca continuou este venres co calendario de mobilizacións contra a perda salarial que está a sufrir o persoal do sector, as presións para colocar produtos que a clientela non demanda, a imposición de obxectivos imposíbeis de cumprir, as xornadas maratonianas agochadas baixo unha falsa flexibilidade ou a realización de horas extras que nin se pagan nin se cotizan.

Despois das protestas realizadas na Coruña, Vigo e Ourense, nesta ocasión a xornada de loita trasladouse até Lugo cunha mobilización itinerante que arrincou ás 10:30h da oficina de Caixabank na Avda. da Coruña número 172 e rematou por volta da unha da tarde na sucursal de Abanca da Praza de Santo Domingo. No percorrido, as delegadas e delegados da CIG fixeron parada tamén diante de oficinas do Banco Santander, BBVA, Banco Sabadell, Bankinter, Unicaja e Cajamar. 

Lembran que o persoal dos bancos e das antigas caixas de aforro acumulou nos últimos anos unha perda salarial do 25% porque nos respectivos convenios colectivos non se contemplaban cláusulas de revisión anuais vinculada ao IPC. “Malia estes antecedentes CCOO e UGT asinaron os actuais convenios, co SIB en Aforro e con FINE en Banca, sen cláusula de revisión salarial anual. Hoxe co IPC no 5,3%, teremos unha nova perda, xa que non contaremos con eses atrasos”.

A este deterioro únese a conxelación das compensacións por quilometraxe, a pesar de que o prezo dos combustíbeis se dobrou, “polo que nos atopamos con compañeiros e compañeiras que pagan do seu peto por ir traballar”, rexeita a CIG-Banca.

Advirte que non se trata de negociar mal ou dun erro na negociación, “senón dunha nova cesión destes sindicatos ante uns bancos que obteñen ano tras ano beneficios millonarios” mentres recortan dereitos, destrúen emprego, pechan oficinas e limitan os servizos á clientela.

Acoso comercial e presión para cumprir obxectivos

Á perda de capacidade adquisitiva súmase unha precarización xeneralizada das condicións de traballo no sector financeiro, cuxo persoal sofre “auténtico acoso” para colocar produtos que a clientela non demanda “e que temos que vender baixo presión, para seguir enchendo os petos das entidades”.

Isto vén derivado, explica a CIG-Banca, “dunha cultura empresarial similar ás seitas. As instrucións son vender, vender e vender, sen poder analizar o que vendemos nin a quen, con múltiples campañas para colocar produtos financeiros”, baixo ameaza de despedimento, traslados, e máis presións cando as vendas non acadan os obxectivos.

Por se non fora abondo, no sector estanse a realizar xornadas maratonianas baixo unha falsa flexibilidade, con obxectivos desmesurados que aumentan acotío, asignando unha carga de traballo imposíbel de realizar na xornada legal e aínda por enriba “nin pagan as horas extra, nin as cotizan, nin as rexistran”.

“Esta é a violencia laboral coa que nos atopamos día a día cando imos traballar. O consumo de ansiolíticos ou antidepresivos xa é a triste normalidade no sector. Para moitas persoas, traballar nun banco é traballar enfermas, nun entorno que as enferma”, denuncian.