Delegados/as da CIG na banca mobilízanse en demanda dun incremento salarial xusto e unha mellora das condicións laborais

Nacional - 22 Mai 2024

Ao berro de "non é un convenio é un atraco", delegadas e delegados da CIG no sector da banca concentráronse este mércores diante das oficinas do Banco Sabadell, Banco Santander e BBVA nos Cantóns da Coruña para demandar un incremento salarial xusto e unha mellora real nas condicións de traballo.

A responsábel do sector da CIG-Banca, Rosa María Conde, explicou que a última proposta da patronal consiste nun incremento salarial do 10% a repartir en tres anos (2024-2025-2026),  que cualificou de "escaso" xa que non se contempla unha cláusula de revisión referenciada no IPC, senón que propoñen unha cláusula a final de vixencia topada no 2%. "Pero se o IPC queda por enriba do 2% seguiremos perdendo salario, cando nos últimos anos xa temos acumulada unha perda de poder adquisitivo brutal", advertiu.

Conde denunciou que con esta oferta non se recuperan os salarios perdidos "nin tampouco se garante a futuro o mantemento do poder adquisitivo". Tendo en conta que o IPC de abril acadou o 3,3% no Estado e o 3,75% en Galiza "a proposta salarial da patronal xa é claramente insuficiente de partida".

Pero ademais, a patronal AEB tampouco quere falar do resto de reivindicacións para o convenio (como a redución da presión comercial e da sobrecarga de traballo, ou a recuperación do emprego). Esta negativa, subliñou, dáse nun contexto no que a banca obtivo unhas ganancias conxuntas de 26.335 millóns de euros e no que se prevé que siga mantendo o nivel de beneficios nos próximos dous anos.

A CIG acordou realizar estas mobilizacións ante a próxima convocatoria de mesa de negociación do día 28 e o achegamento das centrais estatais ás propostas patronais. "Para nós non son aceptábeis. O convenio ten que mellorar e non se pode consentir que nun sector como este, de enormes beneficios, non se garanta nos próximos tres anos o mantemento do poder adquisitivo, cando menos referenciado ao IPC", reiterou.

Conde apuntou que, despois de dúas folgas (unha convocada en solitario pola CIG e outra conxunta) a "loita por un convenio por un convenio digno segue. Non imos permitir que se pretenda liquidar o convenio de banca como se fixo co convenio de caixas de aforro, cun preacordo salarial ínfimo e deixando aparcadas o resto de materias, o que significa continuar sen ningún avance nos nosos dereitos".