CIG-Banca mobilízase contra os recortes machistas e as sancións discrecionais que pretende implantar a patronal das antigas caixas

A central concentrouse diante de oficinas de Abanca, Bankia e CaixaBank en rexeitamento á proposta de convenio da CECA
Nacional - 16 Xul 2020

A Federación de Banca da CIG desenvolveu unha xornada de mobilizacións este xoves en demanda dun convenio colectivo de Aforro digno e para rexeitar os recortes que pretende impor a patronal das antigas caixas (agrupadas na CECA), que afectan principalmente ás condicións laborais e salariais das traballadoras. A central sindical advirte que a patronal tamén busca estender nesta negociación o código disciplinario para poder sancionar o persoal por non cumprir os obxectivos de colocación de produtos que, subliñan, a clientela non demanda.

A xornada de protestas realizouse en Santiago de Compostela e comezou cunha concentración diante da oficina de Abanca situada na rúa Montero Ríos, para despois continuar diante da oficina de Bankia do Hórreo e rematar no CaixaBank da rúa da Senra. Dende a CIG-Banca xa advertiron que este é o inicio dun proceso de mobilizacións para facer fronte aos recortes que pretende impor a CECA, aproveitándose da limitación da ultravixencia introducida pola reforma laboral do PP.

A CECA propón un convenio que reduce os salarios das traballadoras

A patronal das antigas caixas de aforro quere recortar dereitos que afectan principalmente ás traballadoras, que son as que xa sofren unha discriminación en materia de carreira profesional e, polo tanto, de salarios. "Os recortes previstos, salienta Clodo Montero, secretario da sección sindical da CIG en Abanca, poden afectar entre un 0,48% e o 1,41% aos salarios nos postos máis masculinizados e dun 5,4% a un 20,62% nos postos máis feminizados. Ao que habería que engadir os recortes na carreiras profesionais das mulleres, que tamén teñen efectos salariais".

Isto é así, explica, porque a proposta que presenta a CECA contempla a eliminación do postos máis feminizados, como o de subdirección, "que actualmente constitúe o teito de cristal na carreira profesional das traballadoras". Isto acontece despois de que as entidades tiveran creado unilateralmente "postos de xestión comercial, que son postos tamén feminizados, non regulados no convenio e con niveis salariais inferiores aos postos das subdirectoras".

Ademais, as empresas formulan recortes na carreira profesional por experiencia, que se perciben nos niveis nos que están a maioría das empregadas do sector: 15.473 mulleres (64,73%), fronte a 8.429 homes (35,26%), "polo que un recorte nesta retribución afecta fundamentalmente aos salarios das traballadoras", alerta Montero.

E por se non fora abondo, a patronal tamén quere recortar e suprimir determinados complementos que perciben en maior medida as traballadoras. "Estamos ante uns recortes decididos por homes, pero que se aplicarán principalmente ás mulleres", alerta a CIG-Banca.

Sancionar o persoal por non colocar produtos

Ademais destes recortes machistas, a CECA pretende estender o código disciplinario e establecer un modelo de organización "no que calquera superior pode aplicar o que até agora eran sancións, sen ningún tipo de garantía, e simplemente por non cumprir os obxectivos de colocación de produtos que a clientela non demanda".

"Se a patronal utiliza ao seu favor a reforma laboral (pensada para fortalecer as patronais nas negociacións dos convenios e debilitar á parte social), xogando de xeito abusivo co remate da ultractividade, non queda outra que mobilizarse,contra a decisión da patronal e para reclamar a derrogación inmediata das reformas laborais", aseveran.