CIG-Banca mobilízase contra os recortes que a patronal pretende introducir no convenio AEB

Afonda na perda de poder adquisitivo e persiste na brecha salarial por razón de xénero
Nacional - 29 Out 2020

Baixo o lema “negociación e non imposición” a CIG-Banca denunciou esta mañá, con concentracións simultáneas na Coruña, Compostela, Lugo, Ourense e Vigo diante das entidades financeiras BBVA, Santander e Sabadell, o difícil momento que están a vivir os traballadores e traballadoras do sector bancario e demandou un convenio xusto que garanta unhas condicións laborais dignas.

A CIG-Banca denuncia que a excepcional situación de pandemia por coronavirus “está agravando e deteriorando a pasos axigantados as condicións laborais nas empresas adheridas ao convenio de banca (AEB)”, xa de por si empeoradas polos sucesivos procesos de axustes de persoal que supuxeron unha redución do 25% no seu conxunto dende o ano 2000 (pasando de 122.861 no ano 2000 a 91.539 persoas a 31/12/2019). Procesos que aínda non remataron e que implican unha profunda reconversión do sector financeiro e perda de postos de traballo.

Lembra que o servizo bancario foi considerado servizo esencial desde o inicio da pandemia e que os seus traballadores e traballadoras responderon “con responsabilidade e sacrificio, prolongando durante meses a súa xornada laboral (e seguen a facelo)”, para prestar ese servizo ao conxunto da sociedade, en detrimento da súa vida persoal e da súa saúde en moitos casos, sen que eses excesos de xornada se viran compensados de ningunha forma, tal e como obriga a lei.

Negociación do convenio que non avanza

Con este escenario, a negociación do convenio colectivo, vencido en decembro de 2018 e prorrogada a súa ultraactividade até o 31 de decembro de 2020 (terceira prórroga), non avanza. “A posición inmobilista da patronal, cunha proposta “pre-pandemia”de recortes en dereitos e conxelación salarial non permitiu chegar a acordos”, asegura.

A CIG-Banca afirma que proposta salarial da patronal afonda na perda de poder adquisitivo sufrida nos dous convenios anteriores, cunha proposta de suba do 0,50 para os anos 2022 e 2023 respectivamente, deixando os anos 2019, 2020 e 2021 sen revisión salarial.

Denuncia ademais que tamén se pretende introducir un recorte salarial a través dunha modificación na percepción dos trienios por antigüidade, que na práctica supón a consolidación a futuro dunha rebaixa nas cantidades a percibir por este concepto. “Non pasou igual co reparto de dividendos no sector no período comprendido entre 2014 e 2019, cun montante total de dividendo repartido multiplicado por catro. E por riba trata de reforzar a súa postura apoiándose na crise sanitaria que padecemos”.

Previsión de despedimentos

O mesmo tempo varias das entidades do sector, nomeadamente Banco Santander e Banco Sabadell, veñen de anunciar despedimentos colectivos, con cifras pendentes de concretar pero que desde os medios de comunicación se concretan en 3000 persoas no Banco Santander e 2000 no Banco Sabadell. “Afóndase así na reestruturación iniciada polo sector no ano 2008 que xa reduciu nun 25% os cadros de persoal do conxunto dos bancos asociados a AEB”.

As escusas son, segundo a CIG-Banca, “as mesmas de sempre, marxes reducidas, situación económica complicada pola crise sanitaria (anteriormente foi a crise financeira) e, a maiores, agora aproveitan a dixitalización forzosa dos clientes para xustificar peches masivos de oficinas e reducións de cadro de persoal”.

Brecha salarial de xénero

A banca segue liderando a brecha salarial de xénero, que se sitúa, segundo a CIG-Banca, no 23%. “As mulleres son discriminadas por exercer a maternidade; a súa carreira profesional queda interrompida por ese motivo e esta discriminación directa incrementa a brecha salarial”.

De igual forma o sector rexistra unha clara discriminación indirecta ao perpetuar a existencia de postos feminizados que, na práctica, requiren a mesma capacitación e formación, e implican as mesmas funcións, que outros desempeñados maioritariamente por homes. Por iso desde a CIG-Banca exixen “a igual traballo, igual salario”.

A federación conclúe que “non é momento de recortes, é o momento de recoñecer o esforzo realizado polas traballadoras e traballadores do sector”.