CIG, CCOO e UGT chaman a participar na manifestación contra a represión sindical e polo futuro industrial de Alu Ibérica

Este sábado, 27 de marzo, ás 12:00 horas dende a Delegación do Goberno na Coruña
A Coruña - 24 Mar 2021

Os secretarios xerais de CIG, CCOO e UGT compareceron este mércores en rolda de prensa para chamar a participar na manifestación do vindeiro sábado, 27 de marzo, en contra da represión sindical exercida pola dirección de AluIbérica e para esixir unha solución industrial que garanta a continuidade produtiva e dos empregos na planta de aluminio da Coruña.

Os representantes sindicais animaron a cidadanía da comarca a participar desta mobilización, que se desenvolverá con todas as medidas de prevención requiridas, "porque a loita dos traballadores e das traballadoras de Alu Ibérica é a loita de toda a clase obreira galega por unha saída xusta da crise e na demanda de políticas que revertan o grave desmantelamento industrial que sofre o noso país".

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliñou que esta marcha (que sairá ás 12 horas dende a Delegación do Goberno na Coruña para rematar na Praza de María Pita) pretende ser o inicio dun calendario de mobilizacións "que non cesará até ver conseguidas as reivindicacións que levamos anos demandando: garantía da continuidade industrial e dos postos de traballo".

Os gobernos español e galego permanecen pasivos

Referiu que os sucesivos despedimentos (incluíndo catro membros do comité) constitúen capítulos "cada vez máis evidentes do terrorismo patronal que hai nesta fábrica", marcados pola represión sindical mais tamén polas investigacións de estafa, apropiación indebida e doutros graves delitos "que entendemos teñen que ter resposta inmediata. O que non pode ser é que esa resposta a teñan que soportar exclusivamente os/as traballadores e as organizacións sindicais".

Sobre esta cuestión, Carril lembrou que, malia os compromisos coa fábrica da Coruña, o goberno español e o galego "permanecen pasivos e non están atendendo ningunha das demandas que se fan por parte do comité e dos sindicatos". Unha inacción que cualificou de "inexplicábel" e preguntouse "que máis ten que pasar para que as administracións actúen coa contundencia á que obriga unha situación tan crítica como a que se vive nesta planta".

Esta pasividade reviste maior gravidade ante a evolución da crise económica e social derivada da pandemia, tendo en conta que en Galiza xa arrastrábamos previamente unha profunda crise industrial "e cando non se están pechando todos os episodios deste desmantelamento industrial. Ningún goberno ten credibilidade se non dá unha solución xa a Alu Ibérica", aseverou.

As mobilizacións seguirán nos próximos meses

Por iso, o secretario xeral da CIG reiterou que á manifestación deste sábado seguiranlle outras accións nos próximos meses, "porque non imos permitir que cando chegue o último día da garantía de emprego derivada da venda de Alcoa a Parter Capital, algúns sigan na impunidade e pretendan pechar de forma definitiva esta fábrica".

Carril apuntou ao paralelismo entre a planta de aluminio da Coruña e a de San Cibrao que requiren da intervención decidida dos gobernos na defensa do interese público, de concentrar todos os recursos públicos para salvar as persoas traballadoras e unha industria estratéxica para o noso país, como o aluminio, así como para encetar unha saída galega xusta da crise.

Neste senso, denunciou que "só faltaría que aínda por enriba de todos os episodios de terrorismo patronal, de toda a inacción gobernamental, tamén viviramos sucesos definitivos a conta de manter a vixencia dunha reforma laboral que outorga poder total á patronal para que de maneira unilateral decidan o futuro de miles de traballadores e traballadoras".