CIG, CCOO e UGT convocan folga xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal para o 25 de febreiro

Para esixir dos Gobernos medidas inmediatas que permitan reverter a desindustrialización e a perda de emprego nestas comarcas
Ferrol - 20 Xan 2021

Dada a situación de emerxencia social e económica, os sindicatos CIG, CCOO e UGT acordaron convocar unha xornada de folga xeral nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para o vindeiro xoves 25 de febreiro, á que chaman a secundar a toda a clase traballadora e toda a cidadanía da bisbarra.

"Son os propios acontecementos os que nos levan a esta convocatoria, acontecementos dos que viñamos alertando, e mesmo denunciando, a través de mobilizacións como a cadea humana realizada o pasado 17 de decembro", explican dende as tres centrais sindicais.

A progresiva desindustrialización e destrución de emprego, o incremento das exclusión e a falta de proxectos de futuro son un feito palpábel: Endesa sen alternativa, Gamesa pechada na práctica, o naval sen carga de traballo, o peche continuo de empresas e negocios etc., "coa conseguinte perda de postos de traballo e recursos económicos e sociais".

As comarcas precisan "feitos concretos"

Unha situación que necesita de solucións urxentes, "que existen e que ademais están máis que discutidas e plasmadas en centos de documentos". Por iso, para as centrais sindicais está nas mans do Goberno galego e do Goberno español poñer en marcha de inmediato esas solucións que dependen da vontade política.

"Esa é a nosa esixencia, non caben máis demoras, non caben máis debates estériles, só cabe actuar, e iso é o que demandamos, carga de traballo para o naval, unha transición ecolóxica xusta sen perda de postos de traballo, proxectos de enerxías renovábeis que leven acompañados proxectos industriais, infraestruturas que nos deben dende hai décadas, inversións que atarían proxectos industriais etc", aseveran.

Advirten que xa se acabou "o tempo das promesas e das milongas" e o que precisan as comarcas son feitos concretos "e non imos parar até conseguilos".

"Non estamos dispostos a asumir que as nosas comarcas morran por inanición, non sen pelexalo. É por isto o noso chamamento á Folga Xeral, ferramenta dura pero necesaria, porque nos xogamos existir ou non existir, xogámonos poder compartir a vida cos nosos fillos e fillas e cos veciños e veciñas, ou asumir que teñen que emigrar. Xogámonos un dereito fundamental, poder vivir e traballar dignamente na nosa terra e, como tal dereito, temos que defendelo".