A centrais sindicais CIG, CCOO e UGT compareceron este venres en rolda de prensa para informar do novo calendario de mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno para o persoal do transporte de mercadorías da provincia da Coruña. Dáse continuidade así ás concentracións realizadas no mes de xuño-xullo despois de que a patronal rachara a mesa de negociación e, de non producírense avances, xa advertiron que as protestas irán a máis non descartando a convocatoria de paros e folgas no sector.
Os representantes sindicais criticaron que a patronal non queira asumir ningunha das demandas sociais, malia que nos últimos anos o persoal acumulou unha perda salarial próxima ao 15%, que a xornada anual do convenio quedou moi desfasada e que falta man de obra precisamente porque o sector non resulta atractivo polas duras condicións de traballo.
“Estamos pedindo respecto por un sector que é básico, como o do transporte de mercadorías. As nosas reivindicacións son xustas e razonábeis: garantir uns salarios dignos, que non se perda capacidade adquisitiva, ter unha xornada adecuada ao século XXI e que se compense o traballo nocturno ou en domingos”, aseverou Inácio Pavón, representante da CIG na mesa de negociación do convenio.
Explicou que a precariedade no sector obriga as patronais a pagar por enriba de convenio pero estas cantidades non se reflicten nas cotizacións “e á hora da xubilación, cando se cae de baixa ou se vai ao desemprego, aparecen as sorpresas”. Por iso, apuntou, “demandamos que o convenio se adecúe á realidade; é dicir que o que se paga sexa cotizado, que apareza recollido no convenio colectivo e que se avance en dereitos”.
As principais reivindicacións: salarios e xornada
En materia económica, Pavón sinalou que, fronte á miserenta oferta da patronal que apenas acada o 3%, sen carácter retroactivo a 1 de xaneiro e sen xerar atrasos, a parte social reclama un incremento salarial que garanta o mantemento da capacidade adquisitiva, cando menos, no nivel do IPC -que en setembro xa se situou no 4,9%-, e a incorporación no convenio dunha cláusula de revisión anual.
Outra das demandas fundamentais pasa pola rebaixa da xornada máxima anual, que é unha das máis elevadas de todas actividades laborais, e que ademais ten unha regulación específica que implica que determinados tempos non se consideran xornada efectiva, a pesar de que o persoal teña que estar presente no seu posto de traballo. Isto acontece, por exemplo, cos denominados tempos de presenza -períodos sen actividade entre servizos- ou co tempo de descanso obrigatorio de tráfico.
Por iso, a parte social demanda a creación dun plus de presenza que se abone mensualmente para compensar esta situación; mais tamén que sexa efectivo o cobro do complemento de nocturnidade “porque coa actual redacción non o percibe ninguén”, e que se estabeleza outro complemento polo traballo en domingo. “A ninguén lle parece de recibo que non se cobre por traballar en domingos ou polas noites, que é algo moi habitual nas rutas dentro do Estado e internacionais ou en loxística e entrega de paquetería”.
Pavón incidiu na necesidade de que a patronal volva á negociación con propostas serias e vontade real chegar a un acordo, pero xa advertiu que, de non producírense avances, logo destas mobilizacións faranse asemblea de persoal para decidir as próximas medidas, non descartando o inicio de paros e folgas até conseguir un convenio provincial digno.
Na comparecencia, os representantes sindicais incidiron na enorme fragmentación deste sector, con multitude de pequenas empresas, que engloba actividades tan diversas como o transporte internacional, a loxística ou o reparto de paquetería, e que na provincia da Coruña ocupa a preto de 20.000 persoas.