A CIG apoia e chama a participar nas mobilizacións dos bombeiros/as de Ferrol
A Federación de Administracións Públicas da CIG da comarca de Ferrol traslada a súa solidariedade co bombeiro ferido e coas vítimas do incendio do pasado xoves, 19 de febreiro. Un apoio que fai extensivo ás familias das persoas afectadas e ao conxunto do colectivo de persoal bombeiro que ten que prestar o servizo nestas condicións tan difíciles.
Así mesmo, a central fai un chamado á súa afiliación, ás persoas empregadas públicas, ao persoal dos servizos de emerxencias e á cidadanía ferrolá para que a acuda este xoves, 26 de febreiro, ás 18 horas, até a praza do Concello e participe na concentración convocada polo colectivo de bombeiros/as, coincidindo coa celebración do pleno municipal.
Unha mobilización “en apoio para que os servizos públicos de emerxencias se presten nas debidas condicións de seguridade e non se poña en risco a vida nin a integridade física das persoas traballadoras deste servizo nin da cidadanía en xeral”, destaca a secretaria comarcal da CIG-Administración, Carmem Viso.
Porque, alerta, se non se aposta pola calidade dos servizos públicos e se precarizan as condicións laborais, “estanse creando situacións de risco para o colectivo de traballadores/as e a poboación en xeral”. Por iso, insta a mobilizarse pola defensa duns servizos públicos de calidade, condicións de traballo dignas “e a responsabilidade na xestión do público”.