A CIG convoca folga na refinería da Coruña os días 26 e 27 de xullo e 3, 4 e 5 de xullo

Contra os recortes de persoal, as prolongacións de xornada e a perda de dereitos e para exixirlle a Repsol un plan de investimentos
A Coruña - 25 Xun 2026

A sección sindical da CIG no complexo industrial de Repsol na Coruña ten convocadas cinco xornadas de folga para rexeitar os recortes de persoal e de dereitos e reclamar máis postos de traballo, máis seguridade e un plan de investimentos. As folgas desenvolveranse os días 26 e 27 de xuño e o 3, 4 e 5 de xullo, afectando a todas as quendas e departamentos.

A CIG acordou convocar estas folgas tras así aprobalo o persoal da refinería en diversas asembleas e ante a falta de medidas concretas por parte de Repsol para reverter a destrución de postos de traballo, o empeoramento das condicións laborais e garantir a seguridade.

A sección sindical subliña que a decisión da empresa de eliminar unha persoa operadora por quenda na unidade de coque foi a gota que colmou o descontento do cadro de persoal, que dende o pasado mes de abril se está a mobilizar en resposta a esta política de redución progresiva de emprego “que non é máis que un desmantelamento do noso centro de traballo aos poucos”.

Este recorte de persoal ten consecuencias inmediatas: peores condicións laborais, máis riscos para a seguridade e máis carga de traballo, tendo que soportar innumerábeis prolongacións de xornada, tanto o persoal a quendas como o de mantemento, “que acumula horas e horas de excesos de xornadas”. A sección sindical da CIG advirte que se realizan xornadas de 12 e até 16 horas, afectando de xeito directo á saúde do persoal, á súa conciliación e á propia seguridade das persoas e das instalacións.

 A isto súmase “a constante perda de dereito laborais, do que é un bo exemplo a perda do comedor e a deterioración inmediata na calidade deste servizo”. Denuncian ademais a falta de investimentos na refinería, especialmente en comparación con outros centros do grupo nos que Repsol si aposta pola modernización e a continuidade, comprometendo así o futuro das instalacións.

Por todo isto, a sección sindical da CIG anima a todas as traballadoras e traballadores a secundar a folga e mobilizarse porque “temos motivos, temos a razón e temos a forza. É o momento de plantar cara á destrución do noso centro de traballo”.