• Nova

CIG-Correos considera que o mellor imposto á banca é recuperar a Caixa Postal

Considera escandaloso que as entidades bancarias que se opoñen o imposto reforcen a súa actividade coa empresa pública
Nacional - 03 Ago 2022

CIG-Correos vén de reclamar ao Presidente do Goberno valentía para dotar á empresa pública Correos da entidade financeira pública da que xa dispuxo no seu momento. O mellor imposto a banca é, na opinión do sindicato, recuperar Caixa Postal, facilitando así aos cidadáns un instrumento público máis que dea un servizo que en moitos territorios do ámbito estatal sinxelamente non existe.

A pandemia acreditou a necesidade de ter institucións públicas fortes. Neste sentido recuperar a banca pública é fundamental, para dotar ós cidadáns dun servizo esencial e combater o desprezo que estas entidades financeiras mostran cada día recortando horarios de atención, pechando oficinas, mentres van aumentando as súas comisións.

Correos  foi empresa considerada de servizos esenciais durante a pandemia, e dita consideración é máis necesaria que nunca á vista de que é unha empresa con estrutura en todo o estado e cunha capilaridade fundamental para dar respostas a moitas das necesidades actuais da cidadanía, máis se cabe nas zonas rurais. Entre esas necesidades están as bancarias.

Non deixa de ser contraditorio que o presidente do goberno fale da necesidade de facerlle fronte a determinados poderes, mentres permite dende o seu goberno de progreso que a empresa pública de Correos, presidida polo sr. Serrano cargo de confianza de Pedro Sánchez, colabore e participe cos mesmos.

Non hai ningún tipo de escusa para non volver a dotar a Correos de entidade financeira propia, é unha decisión de vontade política. Si en Francia é posible como pais membro da UE, aquí tamén.

Neste sentido o Sector de Correos do Sindicato CIG, insta non só aos dous partidos políticos que forman o goberno (PSOE-UNIDAS PODEMOS), se non tamén aos demais partidos que habitualmente dan estabilidade ó executivo a reforzar a consideración de Correos como empresa de utilidade pública e interese social e dotala dos medios necesarios para dar unha resposta axeitada a moitas necesidades da sociedade actual que non poden ter un criterio exclusivamente económico.

Non deixar a ninguén atrás pasa por dotar os cidadáns de medios e pararlle os pés con feitos reais a eses claros poderes ocultos que denuncia o presidente Sánchez.