CIG-Correos denuncia na Inspección o incumprimento do protocolo anti-covid por parte da entidade

Persoal do CTA de Lavacolla tivo que ir traballar malia ser contactos estreitos de positivos confirmados

Compostela -

CIG-Correos vén de presentar denuncia perante a Inspección de Traballo pola grave situación do persoal de Correos en xeral e do CTA de Lavacolla en particular, onde onte o SERGAS confirmaba 6 positivos. Un número que vai en aumento cos novos positivos que se van coñecendo a medida que saen os resultados da PCR practicadas onte. Asegura que “algúns responsables dos centros de traballo parece que tomasen a broma as medidas de prevención promovidas tanto polo ministerio de Sanidade como pola propia empresa”.

Na denuncia, a delegada sindical da CIG-Correos, Ana Pintos, acusa á xefatura do CTA de Lavacolla porque a sabendas da existencia de positivos por covid-19 confirmados no día 21 de agosto, non comunicou aos seus contactos estreitos que permaneceran nos seus domicilios senón que, pola contra,  “indicou que acudiran ao centro de traballo como sempre”.

Pintos denuncia tamén que en moitos casos “é imposible manter as distancias de seguridade durante a xornada” e matiza que os negociados non son estancos e hai un constante movemento do persoal entre eles.

Xunto a isto sinala que “a propia dinámica do traballo implica que as traballadoras utilicemos os mesmos elementos –impresoras, contedores, equipos…- para realizar as tarefas e estes non son desinfectados”.

A delegada asegura ademais que a empresa está a xuntar os sábados ao persoal que mantén separado nas quendas diarias da semana, “estragando a fin de semana todo o labor de compartimentación que fixo durante cinco días”.

Segundo indica, isto non ocorre só en Lavacolla senón tamén noutros centros onde o persoal traballa por quendas. “Correos e algúns mandos non está a tomarse en serio a saúde das persoas traballadoras ao seu cargo”.

Cumprimento dos protocolos

Ante isto a CIG-Correos exixe o cumprimentos dos protocolos; que se realicen tests a todo o persoal; que os procesos de traballo sexan adaptados á realidade da crise sanitaria que estamos a vivir sen poñer en perigo ao persoal e “que as traballadoras reciban un trato serio e digno, xa que nestes momentos o estado de alarmismo é máximo e a sensación de desamparo e inseguridade por parte da empresa é o motivo de que moitas compañeiras estean comunicando o seu malestar de medo. Unha situación á que non contribúe nada “o escurantismo co que se está a xestionar esta crise”.

Volver