CIG-Correos pide estremar as medidas de protección e a realización de test rápidos a todo o persoal

Piden á empresa postal que actúe ante as "actitudes temerarias" por parte dalgúns mandos
A Coruña - 16 Abr 2020

A CIG Correos remitiu un escrito ao Director da Zona nº 1 de Correos en Compostela para trasladar a preocupación pola actitude que están a ter algúns mandos intermedios na xestión da crise sanitaria e pedirlle que se estremen as medidas de protección ás traballadoras e traballadores, xa que nestes momentos son, dentro do sector público, o segundo colectivo laboral con maior número de contaxios confirmados.

A este respecto, dende a CIG-Correos tamén se demanda a realización de test de detección rápida a todo o persoal para evitar a propagación dos contaxios e adoptar as medidas axeitadas de confirmárense casos positivos. Nesta liña, instan á que se faga unha revisión de cales son os obxectos postais que se deben considerar necesarios para a súa admisión e reparto e cales son os servizos imprescindíbeis. "A máxima que debe adoptar Correos e que lle debe transmitir ao seu persoal é "máxima prevención, menor exposición"; e isto pasa por cumprir o protocolo e achegar información clara e puntual os traballadores e traballadoras, que se senten vulnerábeis ante unha situación como a que vivimos", apunta Fernando Novás, delegado da CIG en Correos A Coruña.

Censura da actuación da xefa da UR do Burgo

En canto as medidas de prevención, Novás lamenta que Correos se esforce máis "en facer propaganda que en promover e vixiar a correcta e completa aplicación do protocolo e das instrucións para o persoal". Considera que, nun contexto como o actual, "é esencial transmitir ás persoas responsábeis dos equipos que non é o momento de ganar méritos presionando os empregados e empregadas de Correos para render máis".

Como exemplo desta afirmación pon o caso da xefa adxunta da Unidade de Reparto do Burgo, na bisbarra da Coruña, onde a central xa tivo que denunciar o incumprimento do protocolo, "pero onde aínda persisten determinadas actuacións temerarias ante a situación de emerxencia sanitaria".

Así, explica, nesta unidade obrígase a todo o cadro de persoal a reunirse ao remate da xornada "por capricho da xefa adxunta", provocando unha exposición innecesaria dos compañeiros e compañeiras; non está habilitada unha papeleira exclusiva para depositar o material de protección da Covid19 como establece o protocolo e tampouco se respecta o compartimento de grupos de traballo en dúas quendas. "Ademais, denuncia, o mantemento das distancias de seguridade ou o uso de máscaras por parte da responsábel da unidade dista moito de ser exemplarizante", advirte.

Por todo isto, e de cara a garantir a maior protección do persoal, o delegado sindical entende que "resulta fundamental que a dirección de Correos vele polo cumprimento dos protocolos e aplique todas cantas medidas de seguridade sexan necesarias".