CIG-Correos reclama información clara sobre a incidencia da Covid19 e que se fagan test de detección

Lembran que son o segundo colectivo laboral con maior número de contaxios rexistrados
Nacional - 13 Abr 2020

O sector de Correos da CIG esixe da empresa postal que traslade información clara e puntual as traballadoras e traballadores sobre o número de contaxios confirmados e das persoas en corentena por coronavirus en cada centro de traballo. A falta de transparencia na transmisión destes datos está a xerar unha elevada inseguridade e ansiedade entre o persoal, pois "escóitanse rumores cando alguén falta o posto pero sen ter a certeza de se son verdade ou até que punto hai que extremar as precaucións".

A CIG-Correos defende que os traballadores e as traballadoras deben estar informadas de todo o que pode afectar a súa saúde, máxime tendo en conta que, a nivel estatal,  son o segundo colectivo con máis contaxios rexistrados (cuns 736 positivos e 2.129 en corentena), só por detrás do persoal da sanidade.

"Dende a CIG consideramos prioritario, e así llo temos trasladado á dirección da empresa, que en Correos é necesario que se realicen os test de detección de coronavirus o antes posíbel, para poder detectar a todo o persoal que está asintomático e evitar a propagación da enfermidade, e mentres tanto, e polo ben de todos e todas, a empresa debe de extremar as precaucións prestando o servizo co menor número de empregados/as posíbel e só prestando aqueles servizos que se consideren imprescindíbeis para a cidadanía".

Necesidade de seguir os protocolos

O protocolo de actuación de Correos, no caso de que existan traballadores/as que dean positivo en Covid-19 ou que exista a posibilidade ou probabilidade de estar afectados por esta doenza, establece que se deberá de identificar o persoal que estivera en contacto estreito con estas persoas, e que serán os servizos médicos da empresa os que valorarán a necesidade da corentena. Ademais, estipula que se procederá ao desaloxo do espazo de traballo, que se activará o protocolo de limpeza específica e que, unha vez finalizado este proceso, se autorizará a apertura do espazo ou zona de traballo.

Porén, denuncia a representación da CIG, "debido á falta de transparencia que está tendo Correos, neste momento non se  garante o cumprimento do protocolo establecido, co grave prexuízo que isto supón de propagación da enfermidade tanto dentro da empresa, como no ámbito familiar, durante o reparto e na atención aos usuarios e usuarias nas oficinas".

Neste momento hai diversos centros de traballo en toda Galiza con casos e posíbeis casos de coronavirus. Non obstante, "a CIG non ten constancia de que Correos estea a cumprir o protocolo que fixan as autoridades sanitarias, de que se estean a desinfectar os centros, nin os vehículos, nin o resto do material de uso compartido, cando a empresa ten coñecemento dun posible caso de coronavirus", advirten.