CIG-Correos solicita a paralización da actividade da empresa até que se dote o persoal dos medios de protección suficientes

Tamén remitiu denuncia á Inspección de Traballo
Nacional - 16 Mar 2020

O sector de Correos da CIG solicitou por escrito á dirección territorial da empresa que paralice toda a actividade até que non se dote a todo o persoal dos medios de protección suficientes para garantir non só a seguridade dos traballadores e das traballadoras, senón tamén das persoas usuarias e da cidadanía en xeral. A representación da CIG na empresa tamén presentou denuncia por este motivo diante da Inspección de Traballo, pedíndolle que proceda a realizar os requirimentos necesarios para que Correos cumpra coa normativa en materia de prevención de riscos e seguridade laboral.

Para o secretario da CIG-Correos, John Vivanco, "é unha vergoña que a estas alturas esteamos tres mil traballadores e traballadoras de Correos en Galiza, movéndonos de casa en casa sen ningún tipo de protección. Parece que a empresa non quere entender que somos un colectivo de risco, que podemos ser receptores/as pero tamén transmisores potenciais do virus".

A pasada semana, a central sindical reclamou a Correos para que dotara o persoal de medidas de protección básicas como luvas, xeles desinfectantes, mascarillas ou calquera outra que sexa eficaz e que garantira a desinfección de materiais que teñen que utilizar as usuarias e usuarios (como os bolígrafos ou PDAs). Porén, ningunha destas medidas foi adoptada e "o que é máis grave, mediante unhas instrucións insuficientes emitidas onte pola noite, a empresa pretende continuar coa súa actividade".

Diante disto, "demandamos da empresa que paralice toda a actividade até que dote a todo o persoal dos medios de protección suficientes".