A CIG critica que a Xunta aposte pola institucionalización do diálogo social como vía para validar as súas políticas

A central reclama que se respecten as competencias dos órganos tripartitos legalmente constituídos e unha participación institucional democrática e igualitaria
Nacional - 20 Abr 2026

A CIG critica que a Xunta avance na súa aposta pola institucionalización do diálogo social mentres baleira de contido aqueles órganos tripartitos legalmente constituídos,  que respectan a representatividade das distintas organizacións sindicais e patronais, e que xa teñen atribuídas as mesmas competencias e función que agora se queren trasladar a esa mesa de concertación social.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lamenta que a Xunta non atendera ningunha das consideracións trasladadas pola central nacionalista ao proxecto de decreto e considera que “estamos ante unha nova mostra do sectarismo que caracteriza o Goberno do PP, que só recoñece, no ámbito institucional, as organizacións que lle resultan máis cómodas para aplicar as súas políticas sen ningún tipo de contestación”.

Unha liña que afonda no menosprezo e ninguneo que a Xunta de Galiza leva anos exercendo contra a CIG -e polo tanto, contra todas as persoas traballadoras ás que representa- malia ser a primeira forza sindical no noso país, tanto en número de persoas delegadas como en afiliación.

Carril chama a atención ademais sobre a coincidencia entre a regulación da denominada Mesa do Diálogo Social e o plan anunciado polo presidente Rueda para controlar as baixas laborais e ampliar as competencias das mutuas sobre a saúde das persoas traballadoras; ao tempo que se agudizan as políticas de desmantelamento do sistema sanitario público.

Advirte que o modelo de diálogo social responde a unha determinada opción ideolóxica “que entende as relacións laborais desde a concertación e o consenso permanente, invisibilizando o conflito existente entre capital e traballo”, e que ten como obxectivo “desactivar o conflito laboral, privilexiando o sindicalismo institucionalizado”.

Dependencia excesiva da administración

Neste senso, apunta á dependencia excesiva que este órgano ten da administración, ao recaer a Presidencia honorífica na mesma persoa que preside a Xunta, e cunha Presidencia e Vicepresidencia ocupadas por altos cargos da Consellaría de Emprego, á que está directamente adscrito.

Este deseño, asevera Carril, “vai en contra da tradición igualitaria e democrática da participación institucional en Galiza”, ao outorgarlle á Xunta o control da convocatoria, da orde do día, do funcionamento interno e dos medios materiais, “convertendo o chamado diálogo social nun instrumento de validación política das decisións do Goberno, e non nun espazo autónomo de participación social”.

Por iso cualifica de “totalmente innecesaria” a creación desta Mesa ao existir xa órganos tripartitos legalmente constituídos que exercen funcións análogas, e tendo en conta que se invaden competencias propias do Consello Galego de Relacións Laborais e do Consello Económico e Social de Galiza, que ficarán marxinados e deslexitimados.