Na reunión deste venres da mediación do convenio do metal da Coruña produciuse, por primeira vez, unha negociación real ao trasladar a patronal propostas que puideron ser tomadas en consideración pola parte social. Porén, as ofertas presentadas continúan a ser insuficientes polo que está na man da patronal dar o impulso definitivo na xuntanza do vindeiro luns para poder pechar un acordo e rematar co conflito.
Do contrario, o sector estará abocado a efectivizar as xornadas de folga xa convocadas para os días 30 de xuño, 2, 7 e 9 de xullo até conseguir un convenio digno.
Sobre o contido da xuntanza de hoxe, a CIG-Industria valora que por vez primeira se trataran aspectos concretos do convenio o que considera unha consecuencia do éxito das oito xornadas de folga secundadas maioritariamente polo persoal. Non obstante, as propostas empresariais aínda están lonxe de cumprir os obxectivos marcados polo persoal para esta negociación.
A central nacionalista agarda que na última reunión da mediación (que terá lugar antes das asembleas de traballadores e traballadoras convocadas para a tarde do luns) a patronal faga un exercicio da responsabilidade e un esforzo similar ao feito pola representación social e presente unha proposta que permita pechar un acordo de convenio digno que beneficie ao conxunto do sector.
“Agardamos que a patronal asuma con responsabilidade a última proposta que a parte social puxo enriba da mesa, deixe de enredar con cuestións menores e de dar voltas a un convenio abocado ao conflito e a seguir na folga nas actuais circunstancias”, advirte a CIG-Industria.
Neste senso, a CIG reitéralle á patronal que non pasará por un convenio que non recolla as propostas aprobadas e defendidas nas diferentes mobilizacións e folgas do sector.