A Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) veñen de remitir escrito á Fiscalía do Tribunal Supremo ampliando a denuncia presentada contra a presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo polo traslado inxustificado de procedementos xudiciais relativos a liñas de alta tensión da Sección Terceira á Sección Segunda do TSXG.
Este traslado de procedementos, requirido pola Xunta de Galiza ante da Sala en ocasións anteriores, fíxose contravindo as normas vixentes de reparto de competencias entre seccións e vulnerando o dereito a xuíz/a predeterminado pola lei e o dereito a tutela xudicial efectiva.
Cómpre lembrar que, a raíz das denuncias presentadas por unha vintena de colectivos que integran a Coordinadora Eólica Así Non, a Fiscalía Superior de Galiza abriu dilixencias de investigacións preprocesuais por presunto delito de prevaricación, mais ao non poder investigar as persoas denunciadas pola súa condición de aforadas ante a Sala Segunda do Supremo, deu traslado da denuncia e da documentación á Fiscalía do Alto tribunal do Estado, a quen lle corresponde continuar coa tramitación das dilixencias de investigación.
Novos traslados de litixios á Sección Segunda
A ampliación da denuncia que agora formulan CIG e ADEGA ante a Fiscalía do Tribunal Supremo faise tras coñecer que a presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, pese á apertura de dilixencias de investigación por parte da Fiscalía Superior, manifesta a súa intención de trasladar á Sección Segunda, non só os procesos de impugnación de liñas de alta tensión, senón tamén todos os litixios contra autorizacións administrativas e de construción de parques eólicos, que até o momento se estaban a dirimir na Sección Terceira, competente en asuntos industriais.
A efectos de corroborar tal intención, ADEGA sinala varias notificacións da presidenta da Sala do Contencioso resolvendo o traslado dos litixios relativos aos proxectos eólicos Monte Toural, O Cerqueiral, Chao do Marco, Cunca, Carballal e Patiñeiro. Tamén se obtivo coñecemento a través da prensa do traslado do procedemento xudicial relativo ao proxecto eólico Orballeira. Para ADEGA e a CIG, todas estas resolucións de cambio de sección de asuntos xa en trámite vulneran as normas de reparto do TSXG aprobadas no ano 2023, en base ás que, até hai uns meses, as impugnacións das autorizacións administrativas de parques eólicos e instalacións de transporte de enerxía recaían na Sección Terceira.
Na denuncia dirixida á Fiscalía do TS destácase que estas resolucións de traslado contradín “de maneira radical” a postura mantida pola Sección Terceira da Sala do Contencioso do TSXG diante das peticións anteriormente formuladas pola Xunta de Galiza e por empresas do sector co-demandadas. Daquela, a Sección Terceira rexeitara “de plano” tales pretensións por incorrer en fraude procesual.
Cómpre que a Fiscalía investigue as motivacións
Polo tanto, na salvagarda de dereitos fundamentais, resulta perentorio que o Ministerio Fiscal investigue se detrás desta alteración arbitraria das normas de reparto de asuntos -feitas en paralelo ao traslado de maxistrados e maxistradas da Sección Terceira da Sala do Contencioso- existen motivacións espurias, presuntamente relacionadas con satisfacer o interese expresado pola Xunta de Galiza e as empresas do sector de apartar determinados maxistrados e maxistradas dos procesos xudiciais relativos a proxectos eólicos e liñas de alta tensión.
CIG e ADEGA lembran que tamén presentaron escritos de queixa diante das presidencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) que aínda non recibiron resposta.