CIG e I-CSC asinan un Protocolo de colaboración para recuperar dereitos laborais, sociais e democráticos

Reclaman a derrogación das políticas e reformas neoliberais e o recoñecemento do dereito de autodeterminación
Nacional - 18 Dec 2019

A Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Intersindical- Confederación Sindical Catalana (I-CSC) asinaron esta mañá un Protocolo de Colaboración, como colofón a dúas xornadas de reunión. Xuntanzas nas que analizaron a conxuntura actual tanto en Galiza, como en Catalunya e no marco do Estado español e acordaron unha estratexia común. Entre as diferentes propostas contémplase, desde exixir a derrogación das reformas, até reivindicar unha axenda democratizadora, coa derrogación da lei mordaza ou do artigo 315.3 do Código Penal; o recoñecemento do dereito de autodeterminación; a liberdade dos presos políticos cataláns e o freo ao medre do fascismo.

Con este motivo compareceron esta mañá en rolda de prensa os secretarios xerais da CIG, Paulo Carril, e da I-CSC, Carles Sastre, onde deron conta das conclusións compartidas polos dous sindicatos.

Canto a análise da situación, Carril sinalou que, no caso galego, “asistimos a un deterioro importante nas condicións laborais, consecuencia dunha obstinada política neoliberal aplicada polos gobernos tanto español, sexan do PSOE ou do PP, como galego; o aumento do desemprego e a emigración; unha brutal crise industrial e o aumento da pobreza”. Unha situación que, advertiu, “se dá nun contexto previo a unha recesión económica que, en Galiza, tórnase nunha profunda crise económica, cando aínda non saímos da anterior, e cunha inacción política que fai máis grave esta deriva.”

Represión e políticas antidemocráticas

Partindo de que tanto a CIG como a I-CSC son sindicatos de nacións sen estado, Carril manifestou que ambas as centrais comparten preocupación pola crise que hai no Estado español e pola resposta que se lle está a dar: “represión e políticas antidemocráticas, no canto de se recoñecer a realidade plurinacional”.

Unha situación que considerou máis grave aínda porque “se dá nun contexto de auxe do fascismo, pola dobre combinación de políticas neoliberais, que están a provocar enormes bolsas de pobreza e de precariedade laboral e o fanatismo sobre esa unidade de España que nin é certa, nin é democrática”. Un discurso que, advertiu, “é o caldo de cultivo para ese fascismo, que é a versión máis brutal do neoliberalismo e do españolismo que, de por si, xa representan as forzas políticas, de esquerda ou de dereita, que hoxe operan no Estado español.

Táboa reivindicativa conxunta

Nesta conxuntura as dúas centrais sindicais acordaron unha táboa reivindicativa que contempla, primeiro, a derrogación das reformas laborais; das pensións e das políticas que provocaron o medre das desigualdades sociais.

Unha segunda reivindicación centrada na defensa dun marco de relacións laborais propio, coa derrogación da reforma da negociación colectiva. Derrogación que Carril asegurou que “é unha necesidade, porque foi a centralización e estatalización que houbo estes anos un aliado fundamental para afondar nos baixos salarios e precarizar nas nosas nacións”.

En terceiro lugar acordaron establecer unha axenda democratizadora ampla que contempla a exixencia de que se derrogue a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal, que criminaliza o movemento social, sindical, a folga, a protesta e a reivindicación; a reclamación de que volva ter primacía a política para resolver os conflitos nacionais como o que enfrontan Catalunya e o estado español e a demanda de que se acabe coa xudicialización da política, se poñan en liberdade os presos políticos e se recoñeza o dereito de autodeterminación.

O secretario xeral da CIG recoñeceu que se trata dunha axenda ambiciosa, mais considerou que só así se poderá frear o fascismo e abrir unha vía democratizadora, “cunha mellora nas condicións de vida das traballadoras e traballadores das nosas nacións, que pasa polo recoñecemento de dereitos democráticos básicos e do dereito a decidir nas nosas nacións”.

Catalunya, laboratorio político e represivo

No mesmo sentido o secretario xeral da I-CSC sinalou os dous retos esenciais que cómpre abordar: o neoliberalismo, coa imposición dos seus dogmas, e o retroceso dos dereitos democráticos.

Respecto do primeiro alertou da recesión que, augurou, acabará impactando en 2020, cunha situación xa precarizada de relacións laborais. Un ano no que considerou que haberá tamén un punto de inflexión na política das pensións, “non para ir a mellor, senón a peor”.

Respecto do segundo, afirmou que Catalunya está sendo “un laboratorio político e represivo”. Por iso alertou de que “o que se aprenda ou desaprenda en Catalunya son ferramentas que logo se van estender ao resto do Estado para reprimir mobilizacións sociais, folgas e demais”.

Sastre situou o discurso represivo-antirepresivo no contexto de recesión que se augura para 2020 e asegurou que así “a ecuación suma” porque, “na medida en que o neoliberalismo non ten ferramentas de integración social, o investimento faise en presión e represión”. Por iso reiterou que o caso catalán é un banco de probas e que o “a por eles non é a polos cataláns. É a por todo o que se mova, para garantir a orde dentro do estado español”.

Respecto da cuestión sindical, incidiu tamén na exixencia da derrogación das reformas, mais fixo especial fincapé na cuestión da negociación colectiva. Unha reivindicación histórica en Catalunya que agora está superada, dixo, pola reivindicación da República Catalana.

O secretario xeral da I-CSC reclamou o recoñecemento do dereito de autodeterminación dos pobos e a liberdade de todos os presos políticos, tanto dos institucionais como dos non institucionais. Neste sentido matizou que, ao igual que hai cargos públicos presos, tamén hai outras persoas que ingresaron en prisión no último ano, a raíz das mobilizacións, “con acusacións cada vez máis surrealistas e situacións xurídicas absolutamente inaceptábeis”.

Atendendo a esta cuestión denunciou que “a dereita oligárquica española estalle dando unha volta de porca máis ao control da xudicatura española”. Especificou que se refería á cúpula xudicial e non a todo o sistema xudicial e fixo un chamamento, diante desta “preocupante” situación, para que “sindicatos e organizacións do Estado español nos poñamos de acordo, non só en análise e estratexias xerais, senón tamén nun traballo concreto para intentar reverter o avance clarísimo da extrema dereita en Europa e no estado”.

Por iso, para Carles Sastre, o protocolo asinado é un chanzo para avanzar “porque a solidariedade non é só a tenrura entre os pobos, senón tamén un exercicio de intelixencia”.