CIG, ELA e Intersindical unen os seus paros do 15 de outubro para exixir a gobernos e empresas o boicot a Israel

Reclaman aos gobernos de Galiza , Euskal Herria e Catalunya, así como ao Executivo español e á Comisión Europea que rompan as relacións militares, comerciais e diplomáticas co Estado xenocida de Israel
Nacional - 02 Out 2025

CIG, ELA e Intersindical de Catalunya compartiron durante os últimos anos diferentes iniciativas, reflexións e estratexias desde o sindicalismo soberanista e de clase. A defensa do dereito a decidir e a prioridade dos marcos laborais e sociais propios como ámbitos de loita para mellorar as condicións da clase traballadora son a clave do traballo conxunto das tres organizacións.

Nesta ocasión, o xenocidio que Israel comete en Gaza contra o pobo palestino fai confluír as tres organizacións na necesidade de mobilizarse para exixir medidas políticas e económicas reais e efectivas contra o Estado xenocida de Israel. Nin un euro da clase traballadora pode ir a parar as mans de calquera interese de Israel, nin os gobernos nin as empresas deben comprar nin vender nada a Israel. Por elo, ELA, CIG e Intersindical fan confluír os paros que convocarán o 15 de outubro nos seus respectivos países, pero con reivindicacións compartidas e a aposta renovada pola mobilización propia e diferenciada en Galiza , Euskal Herria e Catalunya.

Urxe parar o xenocidio, pero tamén impedir que Israel siga usurpando terras, desprazando a poboación local, aplicando estruturas sociais de apartheid e perseguindo a todo un pobo. Por elo, exiximos a aplicación do dereito internacional, en particular a aplicación do dereito de autodeterminación dos pobos, en toda Palestina, desde o río Xordán até e o mar Mediterráneo, garantindo o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas.

CIG, ELA e Intersindical consideran que ante esta falta de medidas e a falta de altura política dos gobernos de Galiza, Euskal Herria e Catalunya, do Estado Español e a Comisión Europea, a mobilización e a presión social deben ser determinantes para forzar medidas contra o Estado de Israel.