CIG, ELA, LAB, Intersindical Catalá, IAC, Intersindical Valenciana e STEI reuniranse cos partidos para tratar o SMI
Os sindicatos CIG, ELA, LAB, Intersindical Valenciana, Intersindical Catalá, IAC e STEI anunciaron o 27 de xaneiro a súa intención de acudir conxuntamente a Madrid a reunirse con todos os partidos políticos con representación no Congreso (a excepción do PP e Vox) e coa vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para tratar un cambio do Estatuto das persoas traballadoras que permita nas súas respectivas nacións mellorar o SMI español. A resposta dos partidos políticos ás solicitudes foi moi positiva. Con todo, o Ministerio de Traballo non ofreceu ningunha opción de reunión a estes sindicatos.
Os sindicatos convocantes realizarán declaracións á saída do Congreso das e dos Deputados cando finalicen ditas reunións (será o próximo xoves, 12 de febreiro, sobre ás 14 horas).
O Ministerio de Traballo dirixido por Yolanda Díaz comprometeuse a derrogar a reforma laboral de 2012. Non só incumpriu a súa promesa, senón que consolidou a precariedade, sobre todo a través da extensión da contratación a tempo parcial e fixa descontinua. CCOO e UGT avalaron este proceso e por iso o Goberno permítelles monopolizar a representación sindical. Agora, Díaz nega a interlocución para mellorar o SMI español mediante salarios mínimos interprofesionais propios de cada territorio.
Esta decisión é autoritaria e antidemocrática, e reflicte unha visión do Estado monolítica e centralista. Algunhas das centrais que solicitaron a reunión son maioritarios nos seus territorios, mesmo teñen a consideración legal de sindicatos máis representativos, o que lles outorga unha especial lexitimidade negociadora. Tal é o caso da CIG.
Esa lexitimidade conleva, por exemplo, a obriga ministerial de negociar cambios lexislativos como o estabelecemento do SMI. Con todo, o Ministerio de Traballo prefire conculcar estes dereitos e contravir a Lei Orgánica de Liberdade Sindical para poder impoñer un SMI único e centralizado que non se adapta á realidade plurinacional do Estado.
Cómpre lembrar que o Goberno de Sánchez non dispón de maiorías parlamentarias, polo que os sindicatos tratarán de condicionar a actividade parlamentaria para aprobar a opción de mellorar o SMI español. CIG, ELA, LAB, Intersindical Valenciana, Intersindical Catalá, IAC e STEI consideran que apoiar a súa demanda respecto aos SMI propios facilitaría calquera modificación do Estatuto das persoas traballadoras e ofrecería unha razón para apoiar eses cambios aos partidos políticos que non forman parte da coalición de goberno.