CIG-Ensino alerta da pretensión de Educación de reducir profesorado e ampliar ratios no curso 2020-21

Obriga aos centros de secundaria a facer un estudo de necesidades en 24 h
Nacional - 20 Mai 2021

A Consellaría obriga a facer un estudo de necesidades en centros de secundaria con só 24 horas de antelación coa medida de 1,2 metros coa idea de recortar profesorado.

O curso 2019/20 veu precedido por unha perfecta mestura de ineficacia, prepotencia e acumulación de mentiras, a cabalo entre o anterior equipo e o actual de Román Rodríguez. Foron, sen dúbida, as mobilizacións do profesorado durante o mes de xullo e o efecto da convocatoria das folgas de comezo de curso as que conseguiron que as condicións nas que se afrontou a docencia neste curso escolar marcado pola pandemia fosen mellores do que planificaba a Consellaría de Educación.

As intencións xa coñecidas pasan por reducir o que consideran “gastos covid” en profesorado que foi necesario durante este curso. O primeiro paso vén de dalo a Consellaría no mañá do 19 de maio, coa remisión a centros de secundaria dun email no que se lles pide que en menos de 24 horas lle remitan un estudo de adaptación das aulas coa distancia de 1,2 metros “con ou sen mampara”.

Na folla de cálculo enviada pola Inspección aos centros pregúntase polos actuais grupos desdobrados e aulas con mamparas así como se existen grupos de FP con docencia semipresencial e polo incremento de profesorado autorizado neste curso escolar (“variación cupo 2020/21 debido á COVID”). Todo isto sen que previamente a Consellaría teña presentado ás organizacións sindicais ningunha proposta de plan de continxencias para abordar o curso que vén, o que xa é unha clara demostración das súas intencións e da nula vontade negociadora.

ESO e Bacharelato, no punto de mira dos recortes

Como xa denunciaba no mes de decembro a CIG-Ensino a Consellaría leva meses traballando para tomar medidas no comezo de curso escolar 2020/21 que leven a unha redución do profesorado de secundaria que tivo que contratar a maiores pola presión  social de comezo deste curso escolar. Con posterioridade á denuncia do sindicato o conselleiro oficializou os seus plans, baixo o envoltorio do “Plan de nova arquitectura pedagóxica”, mais que dentro esconde esa pretensión de camiñar cara espazos amplos e versátiles que poidan (eliminado tabiques ou colocando mamparas móbiles) rematar  coa maior parte dos desdobres feitos en secundaria neste curso e enchendo de novo as aulas -onde sexa posíbel facelas máis amplas.

As medidas agora reveladas  pola Consellaría, rebaixando a 1,2m a distancia entre alumnado van neste camiño no caso de secundaria mais teñamos en conta que Galiza foi pioneira, para recortar o investimento que tiñan que afrontar coa contratación de máis docentes, en aplicar 1 metro de distancia coa colocación de mamparas.

O recurso moi reducido á semipresencialidade e limitado a ensinanzas non obrigatorias (FP, réxime especial) foi sen dúbida un dos maiores logros das mobilizacións sociais, algo que non foi igual no resto do estado, cunha maior incidencia das aulas a distancia, o que todos os indicadores apuntan como un elemento negativo.

Infantil e Primaria, coas ratios a tope

Con todo, e como xa dixemos no seu día, os logros non foron totalmente satisfactorios e quen máis se resentiu da man de ferro e insensibilidade da Consellaría fronte á pandemia foron os centros de infantil e primaria. Nestas etapas o único avance foi que por vez primeira en moitos anos, a Xunta cumpriu coas ratios máximas e non se superaron os 25 nenos e nenas nas aulas, unha cifra que batía coa recomendación de non superar os 20 por aula. As aulas das cidades foron as que máis sufriron esta decisión marcada pola “contención no gasto”, ou o que é o mesmo, por poñer os cartos por riba da saúde. O feito de que a incidencia dos contaxios, a falta dun estudo rigoroso que Educación se nega a facer, fose maior nas aulas de EI e EP é claramente indicativo.

A CIG-Ensino demanda que para o curso escolar 2020/21 se revisen as ratios destes centros escolares e se rebaixen en todos os casos posíbeis, admitindo desdobres naqueles centros con aulas de menor tamaño e peores condicións. O sindicato alerta da posibilidade de que Educación teña a pretensión de volver ás andadas e autorizar elevar as ratios por riba da cifra legal ordinaria.

A CIG-Ensino lembra que o alumnado repetidor “non conta” para as ratios xa que a matrícula faise sen saber se vai haber repetidores ou non. Tampouco se ten en conta o 10% de aumento por cambios de residencia ou motivos que xustifiquen a matrícula fóra de prazo. Por iso adianta que denunciará todas as decisións que poidan ir nesta liña e animamos a profesorado, equipos directivos e ANPAs a estar alerta.