CIG-Ensino alerta sobre a grave situación que están vivindo as traballadoras da Escola Merlín

Non abriu o 1 d setembro e están nos seus domicilios á espera de que se resolvan trabas burocráticas no edificio que alberga a escola
Compostela - 22 Set 2025

A CIG-Ensino vén de expresar a súa preocupación pola situación que están vivindo as traballadoras da Escola Merlín en Bertamiráns. Malia existir xa unha nova empresa disposta a facerse cargo do centro, a escola non abriu o 1 de setembro e as traballadoras atópanse de momento nos seus domicilios á falta dunha solución a diversas trabas burocráticas existentes no edificio que alberga a escola.

A CIG-Ensino cualifica está situación como “totalmente anómala e insostíbel”, xa que o conxunto de traballadoras acumulan xa demasiados meses de incerteza e de precariedade intolerábel.
Ademais, a día de hoxe, as traballadoras da Escola atópanse sen cobrar as nóminas correspondentes e, unha vez máis, teñen que sufrir as consecuencias dun escenario de absoluta incerteza respecto de cando poderá reabrirse o centro.

Esta mesma incerteza está a afectar tamén ás familias, que non saben cando poderán retomar con normalidade a escolarización das súas fillas e fillos dunha escola infantil que continúa a ter o apoio e subvención da Xunta de Galiza para a súa actividade.

Mención expresa merece a este respecto a empresa que xestionou durante estes últimos anos a Escola, quen “amosan de novo a súa incompetencia e desleixo á hora de cumprir coas súas obrigas, que non son outras que pagar ás súas traballadoras”. Esta empresa é, segundo a CIG-Ensino, “a clara responsable da situación da escola, mentres que a Consellería responsábel da Xunta neste servizo continúa mirando para outro lado”.

Xogando cos dereitos laborais
Para a CIG-Ensino non é admisíbel que se xogue “nin cos dereitos laborais das traballadoras nin co dereito das familias a un servizo educativo esencial”. Por iso, coñecedores de que o Concello e a empresa entrante están intentando atopar unha solución, quere facer aínda así un chamamento urxente a concluír canto antes estas actuacións e atopar a solución definitiva para abrir a escola e dar o servizo. “É imprescindible actuar xa para garantir os dereitos laborais das traballadoras e o servizo educativo que se lle debe ás familias”.
Desde a CIG-Ensino exixen unha resposta urxente e efectiva: “a reapertura inmediata da escola e o pago dos salarios pendentes por parte da familia empresaria responsábel actual da empresa: Carmen e Carlos Santoro”.