CIG-Ensino apoia as demandas da comunidade educativa do CEIP de Cariño de reforzar a atención á diversidade

Denuncian a mingua na calidade educativa que supón que os centros teñan que compartir profesorado

Ferrol -

A CIG-Ensino de Ferrolterra demanda o reforzo do persoal docente dedicado á orientación e á atención á diversidade  no CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño e manifesta o seu apoio ás reivindicacións da comunidade educativa, fronte aos recortes aplicados pola Consellería de Educación para este curso 2018-19.

A Federación do Ensino oponse ao constante incremento de profesorado que comparte diferentes centros para impartir a mesma especialidade, sobre todo en atención á diversidade (Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe). "Reforzar a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais implica dotar con máis profesorado estes servizos e non aplicar recortes constantes, amparados en normativas que  non se adaptan a estas necesidades nos tempos  actuais e que deberan ser modificadas para seren aplicadas tendo en conta o número de alumnas/os a atender", asevera a secretaria comarcal, Antonia Martínez.

A este respecto, subliña que compartir centros supón unha merma na atención, xa que os tempos de desprazamento  e cambio de centro "é tempo que non se dedica a esas funcións senón a traslados dun ao outro centro".

A Consellaría mantén os recortes

Estes recortes, derivados en parte das medidas que se aplicaron baixo a escusa crise económica, seguen tendo plena vixencia, cando en moitas outras comunidades estanse a adoptar medidas para corrixir eivas como o número de alumnado por aula, a recuperación da xornada anterior do profesorado, etc. Porén, "a Consellería parece que segue erre que erre e fai que non se decata. Especialmente relevante, ademais da atención á diversidade  é a redución de profesorado en EI ou os agrupamentos de alumnado coa constante merma de calidade do ensino".

Dende a CIG-Ensino, advirte Martínez, "seguimos batallando na nosa liña reivindicativa de mellora da calidade do ensino con iniciativas que nos leven a un ensino de calidade, democrático e galego".

Volver