CIG-Ensino apoia as reivindicacións de máis persoal do IES Alexandre Bóveda de Vigo

A administración amortiza unha praza de Bioloxía e Xeoloxía, négalle a segunda praza de orientación e unha especialista en Pedagoxía Terapéutica malia ter preto de 800 estudantes
Vigo - 23 Xul 2026

O claustro do IES Alexandre Bóveda de Vigo aprobou esta semana un escrito que dirixiu á Dirección Xeral de Recursos Humanos da Consellaría amosando o seu malestar por non ver atendidas as súas demandas de persoal para o vindeiro curso. No documento relátase como se amortizou unha praza no departamento de Bioloxía e Xeoloxía sen comunicación previa ao centro, como se lles negou a segunda praza de Orientación malia que cumprían o requisito de elevada matrícula (a Unesco recomenda un especialista de Orientación por cada 250 estudantes e neste centro hai preto de 800) e como non se concedeu tampouco un especialista a maiores de Pedagoxía Terapéutica, malia xustificar as necesidade de atención educativa que existen no centro.

A decisión da administración, ademais de "limitar a atención individualizada ao alumnado, reducir as posibilidades de realizar apoios, desdobres e reforzos supuxo a supresión dunha liña na ESO. Isto vai implicar na práctica aulas máis masificadas nesta etapa educativa e unha peor calidade na atención educativa", indican no texto.

Para a CIG-Ensino o caso do Alexandre Bóveda non é illado, aínda que moi significativo porque supón recortes en lugar dos agardados incrementos que se deberían producir de cara ao vindeiro curso a teor dos anuncios propagandísticos do propio presidente Rueda.

Nestes intres o sindicato está cotexando os cupos dos centros de secundaria e tamén os catálogos dos centros de infantil e primaria para determinar as modificacións que se van producir de cara ao vindeiro curso. “Porén, se a administración non mente é tan doado como que detalle especialidade por especialidade e centro a centro que prazas se van incrementar”, salienta a CIG-Ensino.

Na reunión das Xuntas de Persoal provinciais que se levan celebrado até o momento o único que confirmaron os responsábeis da Consellaría é que desaparece o Plan Mega e que todas as vacantes provisionais de supostos reforzos para Infantil e Primaria sairán mañá na adxudicación de destinos provisionais para o vindeiro curso. A publicación da resolución provisional está prevista para este venres e a definitiva para o 3 de agosto.  Isto fai sospeitar que haberá menos efectivos, “porque xa había moitas menos vacantes propostas para negociación, nestas etapas educativas especialmente castigadas pola baixada de natalidade”.

Con respecto aos cupos de secundaria e FP, isto é, o número total de profesorado co que conta cada centro nun curso escolar, as primeiras informacións que ten a CIG-Ensino non son moi optimistas dado que a baixada a 18 horas lectivas tiña que supoñer, como no momento en que se aplicara a subida a 20 horas, o aumento de 1.000 docentes máis nas aulas destas ensinanzas. Porén, critican, “os centros non están vendo atendidas as súas demandas, o que levou a que se estea repetindo ou adiando a distribución provisional de grupos para a organización do vindeiro curso”.

Seguindo o exemplo do IES Alexandre Bóveda, a CIG-Ensino anima aos centros a facer pública a situación na que están e a informar a toda a comunidade educativa das limitacións que a falta de persoal supón á hora de desdobrar, ofertar materias optativas, realizar reforzos, atender á diversidade...