CIG-Ensino critica a improvisación na corrección de exames da ABAU

Falta profesorado suficiente de lingua galega para corrixir as probas

Nacional -

No mesmo día no que se poñía fin á realización das probas da ABAU, a CIUG non contaba con suficiente profesorado de lingua galega para a corrección dos exames. Esta é a conclusión dunha mensaxe difundida masivamente entre profesorado de secundaria ao longo do día de onte e que foi denunciada á CIG-Ensino tanto por profesorado como por nais e pais ás que tamén chegou esa mensaxe. O sindicato puido contrastar esta información con vogais designadas pola CIUG para a proba de galego e que informaron que malia que todas as docentes que se apuntaron para corrixir as probas foron aceptadas, ese número era insuficiente.

Para a CIG-Ensino esta situación amosa un nivel de improvisación que se debería ter evitado e que non se sabe se se está a dar noutras especialidades." Teñamos en conta que hai profesorado que desde hai aproximadamente un mes e medio xa sabía que ían realizar esta función e desde o día 10 de xuño xa se sabía canto alumnado tiña superado o Bacharelato e podería concorrer á ABAU, polo que é difícil de entender como se puido agardar até última hora para completar as necesidades que debían estar detectadas e solventadas con antelación", explican.

A CIG-Ensino entende que debe mellorarse a comunicación e toma de decisións entre a CIUG e a Consellaría de Educación para que, en casos extraordinarios como o que acaba de acontecer, existan mecanismos para poder ofertar ese cometido con tempo abondo, recorrendo se é preciso ás listas de contratación.

O sindicato demanda unha rápida solución ao problema, evitando sobrecargar ás persoas que van corrixir os exames e dando todas as garantías para a corrección das probas en tempo e forma.

Volver