CIG-Ensino cualifica de “temeridade” a obriga de ir aos centros a conviventes de casos sospeitosos

Pide a rectificación da última versión do protocolo que contradí as recomendacións de Sanidade

Nacional -

A consellaría de Educación introduciu o pasado día 4 de novembro un cambio no protocolo covid polo que se obriga a acudir aos centros de ensino a conviventes de casos sospeitosos. A CIG-Ensino cualifica esta decisión de “temeridade” e advirte de que está a causar “moitas dúbidas e indignación” entre a comunidade educativa ao ser diferente das indicacións para a poboación xeral tanto do Ministerio como da propia Consellaría de Sanidade.

Na reunión co conselleiro de Educación do pasado 2 de novembro a CIG-Ensino interpelou ao conselleiro pola contradición existente entre o protocolo que naquel momento tiña o SERGAS na súa web para a xestión dos contaxios nos centros educativos e o protocolo de Educación.

O criterio do SERGAS (que conviventes de persoas con sintomatoloxía compatíbel coa Covid non garden corentena á espera de resultados) cambiara recentemente. Na opinión da CIG-Ensino a decisión adoptada por Educación era máis favorábel para a protección ante o risco de contaxio e, por tanto, é a que debe prevalecer. Xa naquela reunión indicouse que en breve se faría unha unificación de criterios e que primaría o “sanitario”.

Na Mesa Sectorial desta mesma semana a CIG-Ensino reiterou a súa queixa e instou a Educación a manter o criterio actual. A resposta da administración foi negativa.

Criterios sanitarios?

Unha vez publicada a actualización do protocolo de Educación, a CIG-Ensino critica a decisión adoptada, amosando a súa preocupación e a estrañeza a que sexan criterios “sanitarios" os que moven á Xunta a obrigar a conviventes en contacto con persoas con sintomatoloxía compatíbel coa Covid-19 a acudir ao centro de ensino.

“Parécenos unha exposición gratuíta e innecesaria a un risco que, de se realizar unha PCR con rapidez, non debería dar maior problema por manter a unha persoa convivente, sexa docente ou alumna, na súa casa”, explica o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.

Ao seu entender “cun sistema áxil de seguimento e detección do virus, do que hoxe aínda carecemos (hai PCR que se fan de inmediato, outras que tardan días e outros casos nos que nin sequera se fan), os confinamentos á espera de resultados do contacto serían breves. Porén, ir ao centro educativo sen saber se a persoa coa que convives deu positivo, é un risco non só para a persoa senón para o resto das persoas coas que traballa ou está na aula”.

Malestar e indignación da comunidade educativa

Esta decisión da Consellaría de Sanidade de influír para modificar o Protocolo de Educación está causando moito malestar e indignación entre a comunidade educativa, profesorado, alumnado e familias, porque choca frontalmente coas recomendacións que se manteñen para a poboación xeral e que veñen de ser referendadas no DOG do día anterior, o 4 de novembro.

Na Orde pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia di textualmente o seguinte:

Así pois, as persoas conviventes dun caso sospeitoso, como contacto estreito que son, teñen que permanecer no domicilio mentres non se obtén un resultado negativo da correspondente PCR.  Así o establece a Consellaría de Sanidade nesta Orde para o conxunto da poboación galega e “así esiximos que sexa tamén no que ten que ver cos centros educativos que nestes momentos xa albergan 1 de cada 8 casos positivos do total en Galiza”, afirma Bermello.

Contradición coas recomendacións do Ministerio de Sanidade

En contra do criterio que indica o SERGAS e aplica desde agora Educación tamén figuran as indicacións que proporciona o Ministerio de Sanidade, que claramente mantén o criterio de gardar corentena en casos de convivintes de persoas con sintomatoloxía susceptíbel de ser Covid á espera de resultados.

 

Que se facía até agora e en consiste o cambio?

 

Nun escrito remitido conxuntamente aos conselleiros de Educación e de Sanidade a CIG-Ensino denuncia esta contradición e insta ao departamento de Sanidade a unificar os criterios co obxectivo de reducir o risco de contaxio que debe ser o criterio sanitario a aplicar nestes momentos.

Volver