CIG-Ensino demanda maior apoio de Educación ás Escolas de Artes de Galiza

A central detecta carencias na súa promoción e falta de coordinación nas probas de acceso
Nacional - 15 Set 2017

As Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galiza carecen, a día de hoxe, dunha auténtica política de promoción por parte da Consellaría de Educación. Segundo denuncia a CIG-Ensino, os estudos destes centros educativos, nos que se imparten titulacións equivalente a graos universitarios, ao tempo que ciclos formativos de FP, “non teñen a mesma visibilidade que as ensinanzas universitarias ou a Formación Profesional, o que provoca que non se atopen en pé de igualdade con elas”.

A CIG-Ensino responsabiliza desta situación á consellaría de Educación, por non publicitar debidamente estes estudos “contribuíndo á súa posta en valor, como así fai con outros ciclos de Formación Profesional e Graos Universitarios”.

Sinala ademais que os estudos de deseño teñen a consideración de Grao Universitario, mais a Consellaría “fai coincidir as probas de acceso para as Escolas coa ABAU, como aconteceu este mes de setembro, ou poñéndoas inmediatamente antes como fixo en xuño, pechando deste xeito unha posibilidade para que o alumnado poida optar por eles”.

Para a CIG-Ensino, o sistema educativo galego “ten que optimizar os seus recursos, ampliando o abano de opcións para o estudantado”. Polo tanto, “debe tomar as medidas oportunas para que non coincidan as datas  destas probas, ao mesmo tempo que se implica activamente para dalos a coñecer entre o alumnado”.

Por iso insta á Consellaría de Educación a un cambio na súa política de  promoción destas ensinanzas e a unha mellor coordinación das datas das probas de acceso coas probas da ABAU.