CIG-Ensino demandará información sobre a vacinación do profesorado na xuntanza deste martes

A reunión chega despois do malestar causado onte e da demanda da CIG-Ensino ao conselleiro
Nacional - 23 Feb 2021

O secretario nacional da CIG-Ensino trasladoulle persoalmente ao conselleiro de Educación este luns a queixa e malestar do sindicato maioritario polo exercicio de improvisación e desorganización vivido ao longo do luns coa convocatoria para a vacinación de profesorado sen previo aviso e sen ningún aparente criterio.

Suso Bermello criticou a falta de interlocución e de información por parte das autoridades sanitarias e educativas nun asunto desta relevancia, lembrando que hai case un mes que se lle solicitara, nunha carta dirixida ao conselleiro, transparencia na toma de decisións sen obter resposta algunha.

O conselleiro comprometeuse a que na mañá de hoxe habería unha reunión virtual de urxencia coa representación sindical, despois dunha que debían manter coa Consellaría de Sanidade, con posterior comparecencia diante dos medios, adiantada 24 horas polo caos creado pola propia Xunta.

A primeira hora desta mañá o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos convocou a representación sindical para proporcionar "información sobre vacinación do profesorado no sistema educativo galego”.

A CIG-Ensino demandará datos pormenorizados sobre o calendario de vacinación, da posíbel diferenza, motivada polo ritmo de chegada das vacinas, entre o persoal que traballa nos centros ou fóra mais con actuación directa neles, en función do contacto directo co alumnado e, por tanto, do carácter esencial maior ou menor.

Tamén demandará información sobre a posibilidade de que se teñan en conta ou non outros factores, como é o caso do risco potencial por motivos de saúde ou idade, así como contraindicacións para determinados casos, como mulleres embarazadas ou que están buscando o embarazo.

“Agardemos que o exemplo de descoordinación e falta de rigor do día de onte se vexa acompañado hoxe dunha rectificación na política de información e posta en común coas organizacións sindicais e de total transparencia nos criterios, prazos e características da campaña de vacinación de todo o persoal que traballa nos centros educativos”, sinala Bermello.

 

Nova mostra de desorganización e falta de respecto

A CIG-Ensino denunciaba onte o “total desprezo” da consellaría de Educación cara o profesorado co comezo inesperado da vacinación neste colectivo, sen sequera comunicarlle ás organizacións sindicais como se vai realizar, con que criterios e cales son os prazos previstos.

Explicaba ademais que na mañá do luns 22 de febreiro docentes de diferentes centros educativos, tanto de primaria como de secundaria, das catro provincias recibiran mensaxes nos seus móbiles convocándoos para unha vacinación da que nada se sabía previamente. “Un claro exemplo de desorganización total e absoluta, sen ter en conta a atención dos propios centros de traballo e creando situacións de difícil xestión como é a de que convoquen a unha parte importante do claustro nunha franxa horaria moi reducida e cunha diferenza entre cada persoa de 2 minutos, avisando só con 24 horas de antelación, sen ter marxe de solución de cara á atención do alumnado”, denunciaba a CIG-Ensino.

Estas mensaxes foran recibidas por profesorado con independencia da súa idade, tendo constancia de que, fronte a algunha información divulgada por un medio de comunicación, non só se convocara a menores de 55 anos.