Denuncian a suposta investigación da Garda Civil a un docente por debater sobre Catalunya na aula
A CIG-Ensino denuncia a inxerencia da Garda Civil nunha investigación a un o docente do IES Pino Manso do Porriño por suposta “incitación ao odio” tras este abrir un debate, nunha aula de 4º da ESO sobre a situación catalá. O sindicato amosa a súa preocupación polos intentos de limitar a liberdade de cátedra e exixe que a consellaría respalde a actuación do profesor.
Hai só catro días, coincidindo co Día Internacional do Profesorado, a CIG-Ensino puña en valor a liberdade no exercicio da profesión do persoal docente, nun comunicado no que se facía eco da campaña da IE (Internacional da Educación) da que a CIG-Ensino é membro.
Tan só dous días despois, a prensa recollía unha información sobre unha polémica acontecida no IES Pino Manso do Porriño, ao fío dunhas supostas “investigacións” que estaría a desenvolver a Garda Civil para saber se os comentarios dun docente puideron “incitar ao odio”.
A CIG-Ensino lembra que non é a primeira vez que un feito producido nun centro educativo acaba sendo magnificado por algún medio de comunicación, convertendo en algo alarmante o que non pasa de ser unha polémica interna dun centro.
Sinala ademais que o "investigado" pola Garda Civil non era máis que unha actividade de aula na cal se estableceu un debate entre o alumnado de cuarto da ESO sobre a situación catalá.
Labor da Inspección Educativa
No caso do IES Pino Mano afírmase algo que a CIG-Ensino cualifica como “gravísimo” do punto de vista da liberdade de cátedra do persoal docente e mesmo desde a propia seguridade xurídica que emana das normas de funcionamento dun centro educativo e da profesión docente. “Aínda no caso de que un docente cometera algunha irregularidade no seu traballo, quen debe intervir para corroborar os feitos é a Inspección Educativa; nunca os corpos e forzas de seguridade do Estado”, asegura e alerta de que “isto provoca unha clara indefensión do profesorado e un intento de amedrentamento absolutamente inaceptábel”.
Para a CIG-Ensino este caso, de se confirmar, “sería un exemplo perfecto do despropósito por parte da Garda Civil, que tería levado a que se efectúen indagacións sobre como un docente imparte a súa materia, o que implica non só un feito condenábel desde a perspectiva da defensa da liberdade de cátedra senón tamén desde os mínimos principios democráticos dun Estado que formalmente se define como de dereito por máis que cada día amose cruamente ter abandonado eses principios”.
A CIG-Ensino vén de dirixirse á Delegación do Goberno en Galiza para que confirme ou desminta calquera actuación da Garda Civil a este respecto, ben por denuncia formal previa, cuxa existencia se descoñece, ou ben por decisión propia, o que entende que “xa resultaría totalmente aberrante”.
Apoio da consellaría
Tamén vén de se dirixir á Xefatura Territorial da Consellaría de Educación en Pontevedra para que mostre o seu apoio á actuación do docente en concreto mais, tamén, o de todo o profesorado que no seu día a día ten que ser quen de formar un alumnado crítico e coñecedor da realidade na que vive, co obxectivo de educar cidadáns con capacidade de análise e comprensión da sociedade na que viven.
“O empoderamento do profesorado ao que fai mención a Internacional da Educación e que a CIG-Ensino comparte totalmente, non é unha barra libre para converter unha aula nun púlpito; é a capacidade para que as profesoras e profesores que tratamos cun elemento tan sensíbel como o alumnado podamos ter a seguridade de que a nosa función educativa se pode desenvolver sen controis ideolóxicos, veñan estes de onde veñan. O cometido do profesorado de formar o alumnado como persoas, como cidadáns inseridos nunha realidade política, social e económica que deben coñecer, non se consegue só desde a transmisión de contidos (e menos se estes pretenden controlarse totalmente) senón especialmente no fomento de habilidades e destrezas para interpretalos e na aprendizaxe de valores, como o que o docente do IES do Porriño sen dúbida pretendeu cando favoreceu o debate sobre os acontecementos que se están a desenvolver en Cataluña”, indica a CIG-Ensino.
Subliña ademais que dificilmente “poderemos, como docentes, proporcionarlle ao estudantado unha educación de calidade e un fortalecemento da propia sociedade na que desempeñamos o noso traballo se non contamos con liberdades profesionais, laborais e académicas”.
A CIG-Ensino ten denunciado en multitude de ocasións a perda de liberdade do profesorado, especialmente desde o inicio dos debates que conduciron á actual LOMCE. Lembra que a recentralización que implica a actual lei educativa española, cun control curricular atado polas probas externas ou reválidas, “amosaban claramente as intencións do poder político madrileño, sempre baixo o control do poder económico que move os fíos e dirixe as políticas educativas sen precisar sequera presentarse a procesos electorais. Agora só nos falta que os tricornios pasen a formar parte da trama. Nunca o aceptaremos”, conclúe.
Xunto a isto, a CIG-Ensino asegura que nin acepta como sindicato maioritario "o control por parte dos poderes políticos e económicos da nosa liberdade de cátedra nin permitiremos que se queira amedrentar o profesorado". Ademais anima a todo o profesorado galego a "seguir educando en liberdade e a facer fronte e denunciar calquera actuación que pretenda coartar a nosa liberdade de cátedra, veña de onde veña, sempre contarán co apoio da CIG Ensino".