CIG-Ensino denuncia que o terceiro trimestre comeza cunha Consellaría de Educación paralizada

Iníciase hoxe sen que a comunidade escolar teña novas da consellaría

Nacional -

Nada é normal neste final de curso 2020/21. Nunha situación normal o profesorado e o alumnado volverían ás aulas despois do período vacacional da Semana Santa, mais este ano o estado de alarma déixanos quedar onde estamos: no confinamento das nosas casas. Porén, a CIG-Ensino denuncia que o terceiro trimestre, que comeza hoxe, comeza sen que a comunidade escolar teña noticias da consellaría.

O profesorado e o alumnado terán que volver, alí onde está sendo posíbel, ao traballo telemático. Un traballo que está a facerse cunha fenda dixital como pano de fondo que afonda nas desigualdades e fractura aínda máis a equidade social, que debe ser principio básico da educación. Na CIG-Ensino somos conscientes da importancia de ter unha continuidade nas próximas semanas dun labor docente centrado en axudar ao alumnado a levar o mellor posíbel a corentena nas súas casas, e na medida do posíbel afianzar competencias e traballar contidos xa dados, desbotando a posibilidade de incorporar novos contidos. 

Onde está a administración educativa?

Na tarde deste luns, día 13 de abril, a consellaría colgou na súa web un “comunicado dirixido ás direccións”  no que parecen aconsellar ao profesorado a vella máxima tantas veces empregada no noso país do “ti vai facendo”. Cunha administración educativa minimamente responsábel e competente o profesorado non lería hoxe unhas instrucións que non din nada novo.  Comeza un terceiro trimestre como acabou o anterior: sen saber con que idea traballa a administración cara ao final de curso, sen unhas indicacións sobre a avaliación e sobre actuar sobre a fenda dixital. Neste sentido, o reparto de 3 computadores sen ningún tipo de criterio nos centros de secundaria quédase no soporte publicitario dunha precampaña electoral mais non incide na resolución dun problema de enormes consecuencias e que determina non só este final de curso senón tamén o curso próximo.

Ao tempo que se len, de novo con asombro, unhas liñas baleiras de contido da Consellaría, tamén se toma coñecemento de que hai centros que están a recibir algún correo-e da inspección con algunha consideración propia e de colleita persoal de quen o envía. Imaxinemos por un momento que isto o levamos a unha situación ordinaria: adapta o currículo e avalía cada centro como lle parece, seguindo ou non consellos e apreciacións da inspeccións sen amparo legal ningún? Eliminamos a lexislación curricular e sobre promoción do alumnado? Imos facendo? 

Isto todo é o que está a fallar: o abandono, o desgoberno. Tanto en Madrid como en San Caetano. No Ministerio porque, no afán centralizador derivado da xestión do estado de alarma, se puxeron a programar reunións para consensuar criterios de actuación de cara ao final de curso e aínda está pendente unha nova reunión para o mércores 15. Na Xunta, porque con independencia do que se fale nas reunión coas demais CC.AA. e o MEFP, ten competencias que non ten porque delegar. Tiña que exercelas e tiñan que ter presentado propostas ao conxunto da comunidade educativa, como xa se lle demandou publicamente, para poder aplicalas e adaptalas no retorno ás aulas. 

O búnker, de metáfora a realidade

Tanto a conselleira como o seu equipo seguen desaparecidos sen falar co profesorado, sen dar instrucións claras e sen convocar a xa reclamada mesa sectorial ou un foro de participación de toda a comunidade educativa, nin para a organización escolar nin para as oposicións, nunha lamentábel actuación impropia dun estado de dereito.

Moito se ten recorrido á metáfora dun San Caetano convertido nun búnker, por ese comportamento absolutamente refractario á negociación e o diálogo, especialmente coas organizacións sindicais. Agora, a metáfora quédase pequena. A imaxe da sede oficial da Xunta como un reduto illado do resto da comunidade educativa cobra toda a súa enteira dimensión.

“Fale, señora conselleira e, sobre todo, escoite”

Cúmprese un mes da suspensión das clases e en todo este tempo a Consellaría non consultou os representantes do profesorado para nada, nunha situación totalmente excepcional e sen parangón.

Con hermetismo custodian o que queren facer coas oposicións, ordes e prazos paralizados e dos que aínda non se sabe nada da previsión da Consellaría (acceso a cátedras, comisións de saúde e concilia, selección de direccións, convocatorias ordinarias de asesorías e formación, concurso para centros con alumnado de atención preferente...) Todos estes temas son materia de negociación colectiva e son na Mesa Sectorial onde calquera modificación se debe tratar. Hai milleiros de docentes absolutamente preocupados cando non alterados polo abandono da administración e os efectos na súa vida a nivel persoal e profesional.

Nada sería máis do noso gusto que recibir este martes, 14 de abril, unha convocatoria para reunirnos e debater sobre todo o que lle interesa ao persoal docente neste final de curso, mais a breve epístola baixo o nome de “instrucións” deste luns, novamente sen novidades e fiando todo ao que se diga en Madrid, non nos fai pensar que sexan quen de dar ese paso.

Volver