CIG-Ensino e ANPAS GALEGAS concéntranse contra a “Pandemia dos recortes” de Educación

O novo curso comeza con 127 aulas cerradas e superando a máxima ratio en Infantil e Primaria
Nacional - 08 Set 2021

CIG-Ensino e ANPAS GALEGAS concentráronse esta mañá diante do departamento dirixido por Román Rodríguez en San Caetano para amosar o seu descontento ante os recortes de persoal docente e ante a volta a unha “situación incluso peor que antes da pandemia en canto a número de profesorado nas distintas etapas educativas do ensino público”, tal e como explicou Suso Bermello, secretario nacional da central sindical.

Bermello lembrou ademais que o novo curso comeza con 127 aulas pechadas fundamentalmente no rural; a volta á superación do máximo ratio en infantil e primaria de 25 estudantes por aula que o ano pasado por primeira vez se respectara; a redución de persoal de apoio ao alumnado con necesidades específicas; a eliminación dos desdobres en secundaria e FP e a mentira e manipulación como “marca da casa” da Consellaría.

Neste sentido acusou a Román Rodríguez de sinalar como persoal reforzo COVID as 1.250 contratacións pertencentes ao plan Recupera-te (antes ARCO e PROA) que se veñen realizando nos últimos anos e que se corresponden con medias xornadas, o que finalmente supón só 625 postos de traballo a tempo completo, unha cifra similar á de antes da pandemia.

Novo protocolo

O protocolo recentemente aprobado na reunión da Conferencia Sectorial de Educación e o Ministerio de Educación coas distintas Consellarías de Educación supón 1,2 metros dentro das aulas en todas as etapas educativas de secundaria, FP e ensinanzas especiais e o mantemento dos grupos burbulla en infantil e primaria.

“Esta redución na distancia entre alumnado provoca que sexan necesarios menos desdobres de aulas e polo tanto menos persoal docente en cada centro. Pero en boa parte deles nin sequera se vai cumprir esta distancia, tal e como veñen de confirmarnos desde os centros ao sindicato. Isto implica que a exposición da comunidade educativa ao coronavirus aumenta ao tempo que a calidade do ensino resulta mermada ao haber un maior número de alumnado por aula”, incidiu Bermello.

Falta de transparencia na información da Xunta

Suso Bermello insiste na ausencia total de transparencia por parte do departamento de Educación. “Non hai ningún tipo de dato público que permita coñecer a diferenza entre o profesorado contratado a tempo completo este curso ao respecto do pasado. Exiximos á Consellaría que dea a cifra total de mestras e mestres (sumando funcionariado de carreira e interino) con nomeamento en vigor a comezos do curso 2020/21 e neste igual que demandamos que se faga o mesmo cando comece o curso de secundaria, FP e ensinanzas especiais.

A Xunta xoga coa mentira e a ocultación de datos mais o que si sabemos é que o curso comezo co peche de 127 aulas sobre todo no eido rural, coa negativa a autorizar desdobres no medio urbano e a existencia, a día de hoxe, dalgunhas aulas con 26 alumnos e alumnas, en contra do afirmado polo conselleiro de Educación de que, en ningún caso, se superaría esa ratio e coa redución de profesorado de apoio ao alumnado con necesidades de apoio”, engadiu.

“O mínimo que se debe exixir a quen  goberna é que non minta nin manipule: reiterar unha e outra vez que hai 1250 contratacións para afrontar a Covid é falso. Primeiro porque non son a tempo completo senón a media xornada, o que implica que, computando horarios completos, falamos do equivalente a 625 salarios postos de traballo reais. Segundo, porque esas contratacións (dentro do plan Recupérate -antes ARCO e PROA) son reforzos ordinarios que se veñen ofertando os últimos anos, incluso antes da pandemia. A día de hoxe non só é que estean sen contratar estas persoas senón que hai moitas prazas ordinarias de mestres e mestras que están sen cubrir, polo tanto non son postos estruturais nin nacen para poder desdobrar aulas e reducir ratios. A mentira ten as pernas curtas”, sentenciou.

A Xunta dá por finalizada a pandemia

Malia que para a Xunta semella que a pandemia xa pasou á historia, o curso arrinca mañá cunha elevada porcentaxe de alumnado sen vacinar, como é o caso do 100% dos nenos e nenas menores de 12 anos. Engádese a esta situación o feito de que nas etapas de infantil e primaria non se esixe o distanciamento de 1,2 metros nas aulas.

Nas restantes idades iniciouse a vacinación pero non se acadará a plena inoculación coa dobre pauta e a protección definitiva 15 días despois ata mediados deste trimestre, segundo as previsións máis optimistas.

ANPAS GALEGAS E CIG-Ensino insistiron na necesidade de establecer criterios científicos e sanitarios tendo en conta a alta incidencia da pandemia na mocidade e o alto índice de contaxios que se están a producir nestes momentos na sociedade en xeral.

As entidades convocantes resaltan que as medidas adoptadas pola administración para o comezo de curso baseáronse en criterios económicos e defenden a necesidade de que o ensino sexa presencial como garantía da equidade na educación, tal e como se puido comprobar despois de que a presión e a mobilización conseguira os desdobres en secundaria e FP o curso pasado.

Ademais lembraron que a día de hoxe seguen se facerse as avaliacións de riscos dos centros educativos e que non hai ningunha garantía de que vaian respectarse os mínimos fixados pola Inspección de Traballo para a protección do persoal docente como denunciou a CIG-Ensino diante da autoridade laboral (exemplo, a distribución de máscaras FFP2 para determinados colectivos docentes).