CIG-Ensino e organizacións sindicais levan á Mesa Sectorial de Educación a devolución do horario lectivo

Interpelarán directamente a Feixóo tras a Consellaría ratificar a súa negativa a negociar
Nacional - 04 Feb 2020

Representantes de todas as organizacións sindicais con representación no ensino público non universitario concentráronse esta mañá diante da EGAP, onde se celebra a esta hora a Mesa Sectorial de Educación, para reclamar a recuperación dos dereitos roubados durante a crise ao profesorado galego. Así mesmo, despregaron unha pancarta no interior da sala e avanzaron, por boca do secretario nacional da CIG-Ensino, que se interpelará directamente ao presidente Feixóo para desbloquear a negociación.

“Como vimos recentemente no caso do paridoiro de Verín ou da mina de Touro o presidente da Xunta acerta cando rectifica e consideramos que é hora de que rectifique na súa negativa a negociar a devolución dos dereitos que lle arrebatou ao profesorado galego nesta última década, comezando polo do horario”.

Así se dirixía o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, aos representantes da Consellaría de Educación na Mesa Sectorial que, unha vez máis, se negaban a abrir calquera negociación ao respecto. As organizacións con representación na Mesa Sectorial (CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e UGT) despregaron unha pancarta co lema da recuperación horaria dentro da sala na que se celebrou a reunión despois de concentrarse no exterior acompañados de representantes das outras dúas organizacións que non están neste órgano (CSIF e STEG).

Despois da folga do 12 de decembro e de que non existira ningún movemento por parte da Consellaría ao respecto, as organizacións sindicais interpelarán directamente ao presidente da Xunta Núñez Feijóo até conseguir que se poida recuperar un dereito, que xa teñen noutras CCAA, que permitirá mellorar considerabelmente a atención ao alumnado en todas as etapas educativas.

Pasar das 20 horas lectivas semanais actuais ás 18 horas que se tiñan antes do Decreto do goberno Rajoy de 2012 en Secundaria e das 25 actuais en Primaria ás 21 que había antes da súa derrogación por parte da Xunta en 2011 significan, na práctica, poder mellorar as titorías, o reforzo educativo, os desdobres, a atención á diversidade, a redución de ratios de alumnado por aula, a preparación das clases, a coordinación entre os distintos departamentos ou a participación en proxectos de innovación, por exemplo.