CIG-Ensino esixe máxima seguridade para todo o profesorado e alumnado nas probas da ABAU

Critica o silencio da Consellaría sobre a situación da Mariña
Nacional - 06 Xul 2020

Na tarde do sábado 4 de xullo a CIG-Ensino, ante a grave situación sanitaria derivada do brote da Covid19 na Mariña, dirixiuse publicamente mediante un comunicado de prensa á CIUG e á Consellaría de Educación esixindo que se extremen as medidas de protección da saúde tanto para o profesorado como para o alumnado na realización dos exames da ABAU en Viveiro os próximos días 7, 8 e 9 deste mes.

O sindicato alertaba da situación que se podería dar co alumando que puidese estar confinado neste momento e solicitaba que se respecte o seu dereito a realizar o exame e se promovan todas as medidas necesarias para que así sexa. Non pode producirse ningún tipo de indefensión nin discriminación. Ningún alumno ou alumna, sexa da Mariña pola situación que se atravesa de novo confinamento, ou de calquera punto do país pode perder a súa oportunidades de concorrer aos exames e, de ser o caso, de acadar o acceso aos estudos universitarios que pola puntuación final da ABAU lle corresponder.

A Consellaría de Educación, desaparecida

"Desde a CIG-Ensino non podemos máis que criticar a falta de previsión da Consellaría de Educación no que respecta ás súas obrigas para co profesorado e alumnado, o que implica a constante improvisación", denuncian. No momento no que o conxunto da comunidade educativa galega está aínda sen coñecer "nin o máis mínimo dato" das decisións que ten pensado adoptar a Xunta para o comezo de curso escolar, negando de momento a negociación coas organizacións sindicais, "asistimos a unha desidia e unha parálise no rebrote da Mariña, xusto cando se debe actuar con rigor e responsabilidade".

A comparecencia do conselleiro de Sanidade para a anunciar un novo confinamento nos concellos da Mariña non fan máis que disparar todas as alarmas. "Despois de comprobar como se pretende privar do dereito a voto a quen estea confinado,  preocúpanos igualmente que se pretendan vulnerar os dereitos do alumnado, algo que non podemos nin debemos consentir".

As medidas anunciadas para os cinco días que se pretende que dure o confinamento estabelecen un aforo moito máis limitado para os locais e mesmo espazos para cada persoa en praias de 4 metros cadrados. "Pero que medidas ten pensado adoptar a Consellaría e a CIUG para atender con todas as garantías aos 305 alumnos e alumnas que se terán que examinar no IES Vilar Ponte de Viveiro? A falta de pouco máis dun día para o inicio das probas non existe ningunha certeza nin garantía de que se vaian adoptar medidas".