CIG-Ensino excluída das reunións co Ministerio de Universidades para tratar o anteproxecto da LOSU

É un desplante á lei, ás formas e, sobre todo, ao persoal docente e investigador galego
Nacional - 13 Out 2021

A CIG-Ensino vén de denunciara  súa exclusión das xuntanzas convocadas polo Ministerio de Universidades para tratar o anteproxecto da LOSU. O sindicato denuncia que “é un desplante á lei, ás formas e, sobre todo ao persoal docente e investigador galego que decidiu, cos seus votos, que a CIG sexa o primeiro sindicato no sistema universitario galego.

O malestar do sindicato maioritario do ensino en Galiza xorde do continuo desprezo do que é vítima por parte do Ministerio de Universidades. Asegura que a súa exclusión da participación na negociación ou na rolda de contactos da futura Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) é reiterada. “A reiteración non é produto da casualidade e nos últimos meses o Ministerio que dirixe Castells, con independencia da súa declarada ideoloxía progresista, está dando mostras do que non debe facer nunca un goberno. Nin en tempos do PP se lle deu un trato tan discriminatorio ao sindicato, tal como a cronoloxía dos feitos mostra”, asegura.

A cronoloxía dos desplantes dun goberno que declara a súa ideoloxía progresista

O 10 de maio de 2021, o secretario nacional de CIG-Ensino, púxose en contacto co gabinete da secretaría xeral do Ministerio de Universidades para trasladar o malestar do sindicato ante a falta de convocatoria ás/aos representantes da central sindical, para unha primeira toma de contacto sobre a futura LOSU, cando por estas datas outros sindicatos xa foran convocados.

Reunións que foran anunciadas no mes de febreiro polo propio Ministerio. Ante a falta dunha reacción nos seguintes días o sindicato enviou un email o día 13 do mesmo mes.

Ao día seguinte, o 14 de maio, a CIG-Ensino recibiu un correo de Alejandra Calvo, coordinadora de participación e investigación no gabinete do ministro de Universidades, no que pedía desculpas polo erro e propoñía que se celebrara esa reunión, que tivo lugar na primeira semana de xuño. Posteriormente a CIG-Ensino remitiu un documento con todas as súas propostas sobre os temas centrais da futura LOSU propostos polo Ministerio.

O 21 de setembro, tivo lugar unha reunión, xa co anteproxecto da LOSU a debate, á que foron convocadas as organizacións sindicais CCOO, UGT, CSIF e CIG. Ao termo desa reunión indicouse que habería outra o día 28 para falar sobre o apartado da gobernanza, coa participación dunha representación das comunidades autónomas e outras entidades, ademais das sindicais.

O día 22 a CIG-Ensino remitiu un email ao Ministerio de Universidades indicando que debería ser convocada. “Os precedentes facíannos sospeitar que se decidise o contrario, como foi ao final”, explican. En resposta ao seu correo, Alejandro Albillo, director do gabinete técnico da Secretaría Xeral, indicaba que polo Ministerio “determinouse que a participación de cada un dos sectores correspondentes sexa representativa, co obxecto de que sexa unha reunión que se desenvolva o máis axilmente posible”.

A CIG-Ensino amosou o seu absoluto abraio e perplexidade diante dunha xustificación na que se afirmaba que esa suposta axilidade se vise afectada por sermos catro os sindicatos convocados en vez dos tres finalmente “seleccionados”, desprezando a representación da CIG.

Posteriormente, algunhas organizacións sindicais de implantación estatal e o propio Ministerio informaron dunha nova reunión para tratar temas da LOSU relacionados directamente co PDI que estaría tendo lugar o mércores 13 de outubro.

A CIG-Ensino foi novamente excluída, non se lle remitiu ningunha documentación nin se lle deu resposta tras as chamadas ao gabinete técnico, obtendo unicamente a resposta verbal de que non ía ser convocada.

A CIG-Ensino envía un escrito coa demanda de rectificación ao ministro Castells

“Chegados a este punto vergoñento”, afirma a CIG-Ensino, “desde o sindicato remitimos un escrito ao ministro para recordar novamente que a CIG é, con arranxo á Lei de Liberdade Sindical (LOLS),  organización sindical máis representativa. Sómolo pola nosa condición de sindicato maioritario en Galiza e a LOLS non fai ningún tipo de distinción entre os sindicatos máis representativos a nivel estatal (CCOO e UGT) e os que o somos a nivel de comunidades autónomas, como é o noso caso”.

Tal é así, que a CIG-Ensino forma parte de todas as Mesas de Negociación a nivel estatal, desde a Xeral das Administracións Públicas a, por exemplo, a de Educación e, “cando se facían as cousas de xeito correcto e se constituían formalmente, tamén da de Universidades”.

A pesar de que a lexislación avala o sindicato maioritario no ensino galego, a CIG-Ensino “tivo moitos problemas co Ministerio de Universidades á hora de ser convocados, tanto na etapa anterior do ministro Duque como na actual. Nunca foi peor a desconsideración ao noso sindicato a efectos de convocatorias con épocas pasadas. Dóenos porque estas decisións de excluírnos dun foro no que temos todo o dereito a estar van máis alá das nosas siglas, son un desplante á lei, ás formas e ao persoal docente e investigador das universidades galegas”, afirma o secretario nacional da CIG-Ensino.