CIG-Ensino exixe a Educación a cobertura de todas as baixas nos centros educativos

Denuncia que se están borrando máis de 20 baixas diarias solicitadas polos centros educativos
Nacional - 16 Mar 2022

Delegadas e delegados da CIG-Ensino concentráronse esta mañá diante da consellaría de Educación para solicitar a cobertura de todas as baixas nos centros educativos. Denuncian que se están borrando, de  media, máis de 20 baixas diarias, solicitadas polos centros educativos, o que leva ao secretario nacional, Suso Bermello, a concluír que “para a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade o ensino galego xa superou a Covid, ao menos iso é o que demostra nos chamamentos para cubrir as baixas do profesorado dos centros galego”.

Día tras día a Consellaría borra unha media de 20 baixas subidas polos centros educativos. En concreto, tal e como constata a CIG-Ensino, no seguimento que fai diariamente desta problemática, como polas numerosas queixas que lle chegan de persoal substituto, elimina todas as baixas que non superen os 10 días, sen importarlle que sexan por positivo Covid ou non.

Por iso o sindicato lembra á consellaría que se un equipo directivo sube unha vacante é porque a precisa, polo que “está vulnerando o lexítimo dereito do alumnado e do centro educativo a recibir a atención que necesitan”, denuncia Bermello.

Apunta que na mañá de onte, por exemplo, desde as 9:00 ás 12:00h producíronse 41 vacantes no corpo de mestras, das cales adxudicaron 13, borraron outras 13 e 15 aínda seguían pendentes. En Secundaria de 26 vacantes que había ás 10:00h da mañá adxudicaron 10 e quedaban pendentes 5 ás 13:00h, polo que as outras 11 desapareceron nesas tres horas. Estes datos adoitan aumentar ao longo da mañá, de aí que a CIG-Ensino estime que, de media, se veñen borrando até 20 vacantes os días dos chamamentos.

Este cálculo de non cobertura dunha substitución de menos de 10 días faise aínda máis grave se temos en conta que a Consellaría volve chamar só 2 días á semana (martes e venres) co cal, en moitos casos, baixas que serían cubertas aínda coas limitacións impostas pola administración, non o son xa que cando chega o día do chamamento xa pasaron demasiados días desde que os centros subiron a necesidade desa substitución.

Por exemplo, unha vacante de 10 días subida un martes pola tarde, no mellor dos casos, non sería cuberta até o venres e a persoa substituta non se incorporaría até o luns, polo que o modo de proceder da administración cando chega o venres é borrala “para non facer un nomeamento por uns poucos días e aforrar custos en persoal, que é o fin último deste modo de actuación”, sinala Bermello.

Incumprindo as mínimas medidas anticovid

Esta situación que denunciaron hoxe os delegados e delegadas da CIG-Ensino fai que, na práctica, non se estean a cumprir as mínimas medidas anti-Covid que se mantiñan este ano. É dicir, desaparecen os grupos burbulla, xa que o profesorado de garda ten que pasar por numerosas aulas, situación que se agrava aínda máis no ensino infantil e en educación especial xa que, en moitos casos, o alumnado ou non leva máscaras ou non as leva ben colocadas.

Neste sentido, e aínda que todas as vacantes son necesarias, desde a CIG-Ensino inciden naqueles casos máis delicados, como as titorías de infantil e primaria, o profesorado de educación especial ou de atención a alumnado con NEAE, que deberían cubrirse no mesmo día.

Diante disto o sindicato denuncia que a estratexia da Consellaría está levando a que este curso sexa incluso máis caótico que o anterior e a que o alumnado estea moito máis desprotexido, tanto pola supresión dos desdobres, como pola constante inestabilidade dos claustros e a non cobertura das substitucións. As consecuencias, tal e como denuncian desde os centros, xa se están percibindo día a día: peores resultados académicos e maior inestabilidade emocional de alumnado e persoal docente.

Por iso a CIG-Ensino exixe á administración unha rectificación urxente nesta política de cobertura das baixas e que sigan realizando os chamamentos todos os días. Anima ademais aos centros educativos a que sigan subindo todas as vacantes que precisen, sexa cal sexa a súa duración e causa, mesmo que as volvan subir despois de que llas borren, como xa se detectou que están a facer nalgún colexio ou instituto.