CIG-Ensino fai un balance moi positivo da alta participación nos 16 peches organizados en dúas semanas

Na tarde do xoves iniciáronse encerros en Carballo, Rianxo e Ponteareas para visibilizar as demandas do profesorado e esixir a apertura de negociacións coa Consellaría
Nacional - 06 Feb 2026

O calendario peches reivindicativos rotatorios protagonizados polo profesorado en 16 localidades galegas, remata concluíu este xovoes cunha alta participación de ANPA e familias que se involucraron activamente coa creación de faixas e a asistencia ás asembleas. O próximo día 10, a proposta da CIG e STEG é realizar concentracións reivindicativas e compartir as imaxes nunha nova xornada de "martes en loita".

A última quenda de "peches polo ensino público" desenvolvéronse en Carballo, no CRA Ponte da Pedra, en Rianxo, no IES Félix Muriel e no IES Val do Tea, en Ponteareas. Suman así 16 encerros cos que as organizacións sindicais convocantes, CIG-Ensino e STEG, queren chamar a atención da comunidade educativa e da sociedade en xeral sobre as eivas do ensino público galego que levaron ao profesorado a secundar este curso numerosas mobilizacións e cinco xornadas de folga, algo insólito desde a década dos 80.

O obxectivo, segundo a CIG-Ensino, “está sobradamente conseguido tanto pola repercusión mediática desta iniciativa como pola conxunción de ANPA e profesorado que, a través da participación activa nas asembleas, compartiron reivindicacións comúns e acordaron realizar accións para visibilizar a necesidade de dotar os centros co persoal necesario para atender o alumnado con distintas necesidades”.

Despois de pasar a noite durmindo nos tres centros, na mañá deste venres leváronse a cabo concentracións á entrada das clases para continuar con esta visibilización social. 

O día 10 concentración nos centros nun novo "martes en loita"

Tal e como se vén facendo xa nos últimos dous martes, que serviron como simulacro, o vindeiro día 10 a proposta da CIG-Ensino e do STEG é que se celebren nos centros de ensino concentracións, á hora da entrada, do recreo, ao mediodía ou pola tarde, con mensaxes reivindicativas para visibilizar as principais demandas do profesorado.

Esta iniciativa, que afonda na descentralización do conflito laboral nos centros, emula o xa feito nos últimos anos baixo os lemas "O profesorado non se vende", xusto despois da aprobación do Acordo de Melloras en 2023 ou "O profesorado farto".

A CIG-Ensino pide ao profesorado que participe activamente compartindo nas redes sociais e nos medios de comunicación locais e que envíe ao correo galiza@cig-ensino as imaxes destas concentracións para que lle chegue a mensaxe de malestar de forma masiva ao conselleiro que até o momento se negou a atender o clamor do seu persoal docente.