CIG-Ensino insta a que se autorice a creación de departamentos de segundas linguas

Portugués e Alemán están discriminados porque non poden contar con departamento propio
Nacional - 25 Set 2020

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, vén de remitirlle un escrito ao director xeral de Centros e Recursos Humanos para instalo a que solucione a anomalía que ocorre nos centros educativos, nomeadamente de secundaria, nos que se imparten como segundas linguas portugués ou alemán e que, sen embargo, non poden contar con departamento propio.

A situación discriminatoria destas linguas baséase nunha norma obsoleta, o Decreto do ano 1996 polo que se aproba o Regulamento Orgánico dos institutos de educación secundaria, que establecía literalmente en relación á creación de departamentos didácticos que:

"Segundo as ensinanzas impartidas no centro, poderanse constituír: artes plásticas, ciencias naturais, economía, educación física e deportiva, filosofía, física e química, formación e orientación laboral, francés, grego, inglés, latín, lingua castelá e literatura, lingua galega e literatura, matemáticas, música, relixión, tecnoloxía, e xeografía e historia. Poderán constituírse ademais departamentos doutras linguas estranxeiras, cando sexan impartidas como primeira lingua con reflexo no cadro de persoal do centro”.

O secretario xeral da CIG-Ensino solicita que se inicie unha negociación para modificar o ROC pero que mentres tanto se habilite algunha fórmula para permitir a creación destes departamentos e que non se sigan producindo actuacións como a que vén de ocorrer no IES San Paio de Tui.

Coincidindo co inicio de curso a inspección vén de anunciarlle á dirección que se suprime o departamento de Portugués neste centro, non así a oferta educativa, que foi o primeiro no que se impartiu esta materia en Galiza. Esta mesma situación xa se producira o curso pasado no IES Barral de Ponteareas, momento no cal a CIG-Ensino se dirixiu á Subdirección Xeral de Recursos Humanos, que de novo volveu aludir á normativa de 2016 para suprimir este departamento.

Desde a CIG-Ensino entenden como discriminatoria esta situación para o Portugués e o Alemán, que tamén se imparte en centros galegos e conta con funcionariado de carreira ou interino, con respecto á situación do Francés que, con todo o dereito, dispón de departamento propio en todos os centros educativos de secundaria do país.

Para o sindicato reverter esta situación e dotar de todos os dereitos en igualdade de condicións ao profesorado desta especialidade responde ao espírito da Lei Paz-Andrade que seis anos despois aínda ten moito percorrido para que a Consellaría facilite a implantación do Portugués no noso sistema educativo.