CIG-Ensino insta a conselleira a iniciar xa a negociación da planificación do vindeiro curso

A parálise de Educación preocupa ao profesorado,ao persoal non docente e ás familias
Nacional - 02 Xul 2020

Dúas semanas despois da última Mesa Sectorial, na que non se abordaron as medidas coas que Galiza vai afrontar o vindeiro curso, o secretario nacional da CIG-Ensino vén de urxir por carta a conselleira, Carme Pomar, a que poña enriba da mesa unha proposta para o desenvolvemento do curso 2020/21, "que debe pasar polo aumento do profesorado e a diminución das ratios como principais garantías sanitarias para toda a comunidade educativa".

Esgotados todos os prazos prudenciais que tiña a Administración para presentar un Plan de medidas laborais, educativas e sanitarias para o vindeiro curso, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, vén de remitirlle unha carta á conselleira de Educación, Carme Pomar, apremándoa a negociar esa planificación canto antes.

Na misiva lémbralle que así o comprometeu o director xeral de Educación e FP na última Mesa Sectorial, convocada exclusivamente para falar da orde que regula o calendario escolar 2020/21. “O profesorado galego non entendería que a titular da Consellaría se negase a negociar, por iso, dende a CIG-Ensino demandando que á maior brevidade posíbel, se convoque unha reunión para debater todo o relacionado co curso escolar 2020/21", subliña Bermello.

Neste senso, apunta á necesidade de "falar de diminución de ratios, aumento do profesorado, protocolos nos centros educativos, dotación de material, dispensas, medidas a tomar no caso de rebrotes… En definitiva, preparar o vindeiro curso que, como ben sabe, non é un curso calquera”.

 A maioría das comunidades xa comezaron as negociacións

Nestes momentos, advirte Bermello, a parálise da Consellaría de Educación é unha excepción no marco estatal, despois de que a maior parte das comunidades comezaran as negociacións para un inicio de curso "que ten que poder prepararse coa suficiente antelación por parte da Administración, das equipas directivas e do profesorado en xeral."

A comunidade educativa e as familias, engade, están pendentes e preocupadas "ante unha parálise que entendemos que responde exclusivamente a tácticas electorais. Pero o ensino público galego precisa tranquilidade, rigor e planificación e non pode seguir secuestrado e a mercede dos cálculos e estratexias elctorais do Partido Popular".