CIG-Ensino lanza unha campaña polo mantemento de centros e modalidades de ensinanzas de adultos

Para garantir as ensinanzas presenciais e semipresenciais e o mantemento de centos de postos docentes
Nacional - 28 Abr 2023

A CIG-Ensino vén de lanzar unha campaña de recollida de sinaturas á que se pode acceder neste formulario para que o profesorado lle faga ver á Xunta de Galiza que é preciso garantir a existencia da actual rede de centros e de persoal que imparte ensinanzas para persoas adultas, tanto educación non formal, como ESA e Bacharelato. Nestes momentos, segundo datos facilitados polo propio conselleiro nunha visita ao IES San Clemente, que concentra todas as ensinanzas a distancia de adultas en Galiza, hai en total 10.000 persoas matriculadas nesta tipoloxía de ensinanzas, das cales arredor de 2.030 corresponden a este centro.

A maiores hai 6 EPAPUS nas outras cidades galegas e 5 nos centros penitenciarios, así como unha rede de IES ordinarios que ofertan estas ensinanzas. Mais, segundo se desprende do Anteproxecto de Lei, as intencións da Consellaría son coordinar todas estas ensinanzas, xunto cos ciclos de FP e tamén ensinanzas artísticas, deportivas e de idiomas a distancia a través dun único organismo de nova creación, o IGALVA (Instituto Galego para a Aprendizaxe ao Longo da Vida Adulta).

Emendas no Consello Escolar de Galiza

A CIG-Ensino solicitou expresamente nas emendas presentadas no Consello Escolar de Galiza, dado que antes non se presentou na Mesa Sectorial para a súa negociación e contraste coa representación do profesorado, que no texto normativo figurase expresamente que se manteña a actual rede de centros e as tres modalidades de ensinanzas: presencial, semipresencial e online, algo que foi rexeitado pola administración, polo que nestes momentos se mantén a incerteza sobre que vai acontecer unha vez aprobada a Lei.

A CIG-Ensino está de acordo en que é preciso actualizar a anterior normativa do ano 92 e reforzar os recursos e a accesibilidade dixital para as persoas que cursan estas ensinanzas pero sen que supoña ningún recorte da presencialidade e da semipresencialidade, modalidades fundamentais para garantir a calidade da atención educativa precisamente ante un colectivo de alumnado no que existe unha maior fenda dixital e motivos socioeconómicos para acceder a medios telemáticos.

Segundo estimacións do sindicato maioritario no ensino público galego tan só nos centros que imparten as coñecidas tradicionalmente como ensinanzas para persoas adultas traballan arredor de 300 docentes, mais se se cumpre as intencións da Consellaría de que sexan estritamente a distancia e se inclúen outras que nunca antes se ofertaran con esta modalidade (réxime especial) ou que se imparten en Formación Profesional a afectación en canto a postos de traballo podería ser moito maior.

É por isto que anima a participar a todos os IES, EPAPUS e centros de FP e ensinanzas de réxime especial a asinar acordos de claustro para garantir tanto o mantemento dos centros como das tres tipoloxías de ensinanza como dos postos de emprego docentes.