CIG-Ensino pide o cese do subdirector xeral de Inspección educativa polas súas posturas reaccionarias
Se a decisión da Consellaría de Educación de intervir na autonomía pedagóxica dos centros coa incorporación o concepto de 'neutralidade ideolóxica' resulta impresentábel, aínda reviste maior gravidade tendo en conta as persoas responsábeis de aplicar esta sorte de censura previa. Por iso, a CIG-Ensino pide o ceso do subdirector xeral da Inspección e Avaliación do Sistema Educativo polas súas conviccións ideolóxicas puramente reaccionarias e chama a todo o profesorado a participar na concentración deste mércores, 25 de xuño, ás 12h, diante da Consellaría de Educación, para defender a autonomía pedagóxica e reclamar un ensino con dereitos e libre de inxerencias políticas.
A polémica creada tras da comparecencia do conselleiro de Educación para xustificar a incorporación do concepto de “neutralidade ideolóxica” e a consideración dos cambios nas actividades complementarias como “moi” excepcionais, centrouse na necesidade de comunicar estes cambios á inspección educativa e no “esquecemento” de citar outros principios fundamentais que rexen a función docente.
Diante do que pode parecer algo anecdótico e sen relevancia (que a inspección coñeza os cambios que desde un centro se efectúen nunha Programación Xeral Anual) agóchase, como advertiu a CIG-Ensino, o intento de predispoñer aos centros e, máis concretamente, ás direccións a unha sorte de censura previa á hora de tomar determinadas decisións, interferindo politicamente na autonomía pedagóxica dos centros.
Quen está detrás destas decisións?
Se a decisión que se toma é impresentábel, tanto no fondo como nas formas, o tema adquire unha maior gravidade se temos presente quen está detrás. “As instrucións están asinadas pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa e o máximo responsábel da inspección educativa e da avaliación do sistema educativo baixo o seu mando é o subdirector xeral Enrique Prado Cueva”, explica a CIG-Ensino.
Ao igual que a directora xeral, Prado Cueva provén da inspección educativa e é unha persoa cunhas firmes conviccións ideolóxicas puramente reaccionarias, ultraespañolistas, contrarias ao marco autonómico actual e a todo o que considera como “progresismo” e nacionalismo, tanto no aspecto das ideas políticas como o que el entende como progresismo “antipedagóxico”.
En moitos dos artigos publicados podenatoparse críticas ao actual marco competencial con descualificacións para quen non pensa coma el. “Non é de estrañar que nese fundamentalismo do que fai gala non se lle pasase pola cabeza citar nas instrucións ningunha lexislación recente como a LOE ou a LOMLOE, entre outras, dado que aborrece profundamente dunhas normas que fan perder o control ao Estado, que apostan pola inclusión educativa, pola memoria democrática, polo mínimo control na elección da dirección dos centros públicos ou pola perspectiva de xénero e polo respecto á liberdade de orientación e identidade sexual”, engade a CIG-Ensino.
O longo mostrario das posicións ideolóxicas deste cargo político continúan coa aposta pola ilegalización de partidos independentistas e nacionalistas, as loasa VOX como único partido que defende con claridade a “nación española” e as críticas á propia Consellaría na que el agora é un alto cargo por ter unha proba de galego nas oposición docentes para quen non ten acreditado o seu coñecemento (cando foi o propio goberno do PP o que, sen retirar esta proba, eliminou a obriga de presentar a programación didáctica na nosa lingua). Non se esquece do estudantado, que non merece ter dereito á folga, ou do profesorado, “unha nova clase ociosa de funcionarios que nunca despertará do seu soño dogmático até o día no que, de verdade, vexa perigrar o su traballo e os seus privilexios”.
Dimisión ou cese: non se pode tolerar a intolerancia
A federación do Ensino da CIG entende que o subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo “non pode continuar un minuto máis cunha responsabilidade como a que lle foi asignada. Non se pode permitir que a persoa responsábel da coordinación das inspeccións provinciais e de controlar a marcha da educación neste país sexa unha persoa cuxa ideoloxía é incompatíbel coa defensa do ensino público galego. Se non é cesado por quen o puxo onde está estaremos diante dun apoio aos postulados que defende, o que agrava aínda máis a situación”.
A CIG-Ensino exixe que se tomen medidas con carácter inmediato e que sexan cesadas dos seus cargos a persoa ou persoas que dean respaldo a un pensamento tan reaccionario como o que se atopa, con todo luxo de detalles, nos escritos deste cargo político, comezando por el propio e por quen por riba del lle dea cobertura.
Con máis motivo, o sindicato reitera a súa exixencia de retirada das instrucións para o próximo curso escolar e a convocatoria dunha reunión da Mesa Sectorial para negociar unha nova normativa co resto de asuntos incluídos nestas e na que consideramos que debe acudir o propio conselleiro para dar explicacións.