CIG-Ensino presenta emenda á totalidade, no Consello Escolar do Estado, demandando a retirada do proxecto de reválidas

Reafirma a necesidade de paralizar e derrogar a LOMCE e con ela as reválidas
Nacional - 28 Nov 2016

Mañá, día 29 de novembro, ás 10 horas, está prevista a reunión da Permanente do “Consejo Escolar del Estado” co obxecto de emitir por vía de urxencia o ditame sobre o proxecto de orde Ministerial pola que se determinan as características, o deseño e o contido das probas das avaliacións finais de ESO e do bacharelato para o curso 2016/2017, as datas máximas para realizar as avaliacións e resolver os procedementos de revisión das cualificación obtidas e os cuestionarios de contexto.

A CIG-Ensino presentará unha emenda á totalidade na que solicita a retirada de dita orde e se reafirma “na necesidade de derrogar, posteriormente, a lomce e con ela as reválidas, no convencemento de que é unha lei lesiva para a ensinanza pública porque aumenta a privatización e mercantilización da educación, promove a segregación do alumnado, reforza a confesionalidade, desterra a igualdade de oportunidades, elimina a xestión democrática dos centros e impide o dereito universal á educación”.

A isto engade “o despropósito e o atropelo da súa implementación, que desautoriza o traballo do profesorado e desconsidera ao alumnado”.

A CIG-Ensino reafírmase tamén en que as reválidas responden exclusivamente a unha concepción clasista, son “unha aberración” desde o punto de vista pedagóxico, centralizan e uniformizan máis aínda o sistema educativo, desprezan a avaliación continúa, desconfían do traballo do profesorado, crean un ranking de centros, promoven un sistema educativo competitivo e abandonan o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.