A CIG-Ensino valora positivamente que o Ministerio de Educación recolla unha das demandas históricas do persoal do primeiro ciclo de Educación Infantil ao propoñer a redución das ratios nesta etapa, mais considera que cómpre actuar con maior ambición e acelerar a aplicación destas medidas ao conxunto do sistema educativo.
Na reunión do grupo de traballo celebrada onte co Ministerio, o sindicato nacionalista solicitou que a redución das ratios en Bacharelato sexa até un máximo de 25 alumnos e alumnas por aula, en lugar dos 30 propostos, e reclamou que a implantación destas baixadas se adiante en todas as etapas educativas e inclúa tamén a Formación Profesional.
O Ministerio reunirase agora coas comunidades autónomas para pechar a modificación do Real Decreto 132/2010, que incorpora tanto a redución de ratios no primeiro ciclo de Infantil como cuestións relativas aos requisitos mínimos dos espazos dos centros que escolaricen alumnado de 0 a 3 anos.
Ademais, trasladou aos sindicatos a proposta de reducir de 35 a 30 o alumnado por aula en Bacharelato, unha medida que a CIG considera insuficiente, así como a intención de aprobar mediante Real Decreto Lei a baixada de ratios nas ensinanzas obrigatorias incluída no Proxecto de Lei actualmente en tramitación no Congreso dos Deputados se finalmente este non sae adiante.
A loita do primeiro ciclo de Infantil deu resultados
A CIG-Ensino considera que o acontecido este xoves evidencia que a mobilización dá os seus froitos. As traballadoras do primeiro ciclo de Infantil, que foron as primeiras en mobilizarse en todo o Estado con seis xornadas de folga en 2023, unha recollida de sinaturas contra o convenio estatal en 2024 e que manteñen nestes momentos folgas e múltiples mobilizacións en demanda dun convenio galego, viron como o Ministerio asumía unha das súas reivindicacións históricas.
A proposta ministerial, presentada tamén pola CIG-Ensino na reunión do pasado 11 de xuño, fixa ratios máximas de 4 nenos e nenas de 0 a 1 ano, 6 de 1 a 2 anos e 8 de 2 a 3 anos. A modificación do Real Decreto aplicaríase de forma progresiva entre os cursos 2027/28 e 2029/30 e incorpora tamén novos requisitos para os espazos desta etapa educativa.
A CIG-Ensino congratúlase deste avance, aínda que reclamou adiantar a súa aplicación xa ao vindeiro curso e incorporar na normativa a figura da parella educativa.
Respecto doutras cuestións incluídas no documento, presentado durante a reunión sen posibilidade de ser estudado nin contrastado previamente co profesorado afectado, o sindicato advertiu da realidade demográfica galega ante a proposta de que os centros que impartan o primeiro ciclo de Infantil conten cun mínimo de tres unidades. Aínda que o texto prevé excepcións mediante unha disposición adicional, a CIG lembrou que en numerosas localidades do rural galego é imprescindible manter aulas mixtas debido á baixa natalidade.
Melloras nos espazos educativos
En relación cos requisitos mínimos dos espazos, a CIG-Ensino solicitou incorporar a obrigatoriedade de que, como mínimo, o 50% dos patios exteriores sexan zonas naturais e que estes espazos estean acondicionados para seren utilizados durante todo o curso escolar, tendo en conta tanto o incremento das temperaturas derivado do cambio climático como as condicións específicas de elevada precipitación que caracterizan Galiza.
O sindicato tamén pediu que as aulas de usos múltiples non teñan que empregarse como comedor e que se garantan zonas de xogo suficientes nas aulas, xa que o documento só diferencia áreas de descanso e de hixiene, cando na práctica os espazos de descanso coinciden cos de xogo, reducindo as posibilidades para esta actividade.
Máis rapidez e maior alcance na redución de ratios
Segundo informou o Ministerio, a modificación do Real Decreto está pendente da negociación coas comunidades autónomas e aínda non ten unha data definitiva de aprobación.
Ao tratarse dunha etapa non obrigatoria, esta reforma incluiría tamén a proposta de reducir a ratio máxima de Bacharelato de 35 a 30 estudantes por aula a partir do curso 2029/30.
A CIG-Ensino insistiu en que esta calendarización debe acelerarse e que a redución de ratios debe iniciarse simultaneamente no primeiro curso de todas as etapas —segundo ciclo de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Educación para Persoas Adultas—, preferiblemente desde setembro de 2026 e, no seu defecto, desde setembro de 2027.
A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, reclamou ademais que se regulen tamén as ratios máximas da Formación Profesional. Lembrou que, aínda que o Real Decreto 659/2023 fixa un máximo de 25 alumnos e alumnas en ciclos medios e superiores presenciais e de 20 nos ciclos básicos a partir do curso 2028/29, estes límites seguen sendo elevados nalgúns casos e deixan sen regular modalidades como a formación a distancia ou a oferta modular.
Real Decreto Lei se fracasa a tramitación parlamentaria
O Ministerio informou igualmente da súa intención de aprobar un Real Decreto Lei coa redución de ratios e da xornada lectiva no caso de que o Proxecto de Lei actualmente en tramitación no Congreso non supere o proceso parlamentario.
A proposta actualmente en debate contempla a redución a 20 alumnos e alumnas no segundo ciclo de Infantil desde o curso 2027/28, aínda que a CIG-Ensino reclamou que este límite sexa de 15; a baixada a 22 en Primaria, onde o sindicato tamén pide ratios máximas específicas para as aulas mixtas do rural; a redución a 25 na ESO desde o curso 2028/29, cuxa implantación solicita adiantar; a redución a 30 en Bacharelato desde o curso 2029/30, insistindo en igualar esta etapa coa ESO nun máximo de 25 estudantes por aula; e unha referencia xenérica á redución progresiva das ratios na Educación para Persoas Adultas, sen concretar cifras.
Laura Arroxo reclamou tamén que se regulen ratios máximas para o persoal especialista en atención á diversidade, especialmente para o persoal orientador, e que se revise o cómputo dobre do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), e non só do alumnado con necesidades educativas especiais (NEE).
Valoración positiva
A pesar de considerar insuficientes as propostas ministeriais, a CIG-Ensino realiza unha valoración positiva da evolución das negociacións, entendendo que, aínda que deberían desenvolverse na Mesa Sectorial, polo menos as medidas foron previamente contrastadas coas organizacións sindicais antes que con outros axentes.
O sindicato contrapón esta forma de proceder coa actuación da Consellaría de Educación, á que acusa de non respectar os órganos de representación laboral ao presentar previamente a axentes externos cuestións como a Formación Profesional ou a Lei de Educación Dixital, ademais de abordar de forma opaca e escurantista as medidas sobre ratios e xornada laboral para o vindeiro curso na comisión de seguimento dun acordo subscrito por unha minoría sindical.