CIG-Ensino recorrerá as instrucións da Dirección Xeral que prohiben o profesorado interino ocupar cargos directivos

Educación desautorizou o nomeamento de dous docentes da EASD Mentres Mateo de Santiago

Nacional -

A CIG-Ensino vén de anunciar a súa intención de recorrer as instrucións internas da Dirección Xeral que prohiben ao profesorado interino ocupar cargos directivos. A normativa outorga preferencia ao profesorado definitivo do centro ao tratarse de cargos durante catro anos. Porén, a Consellaría discrimina o profesorado interino, cando non existe profesorado definitivo que queira aceptar os nomeamentos.

A este respecto a CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación xa desautorizou o nomeamento de dous docentes interinos da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela, que levan anos ocupando os cargos, malia que ningún dos docentes definitivos do centro están interesados en ocupar ningún cargo directivo do centro, chegando a asinar conxuntamente un escrito no que así o afirman e apoian a total conformidade para que sexan dous profesores interinos os que exerzan o labor de vicedirectora e secretario.

A negativa da Consellaría non se sustenta nin no que recolle o artigo 131 da LOE, que só fai referencia a que os membros do equipo directivo deben ser nomeados de entre os docentes do centro, nin no Decreto que regula o regulamento das Escolas de Artes, idéntico neste aspecto a todos os ROC dos diferentes centros, que limita o acceso a estes cargos ao profesorado definitivo.

A argumentación da Dirección Xeral parte dunhas instrucións internas que non pasaron por ningunha mesa de negociación e que non poden ter carácter normativo. Nelas indicaríase que en certos casos poderán ser nomeados por un curso escolar os docentes funcionarios de carreira con destino provisional mais en ningún caso o persoal interino.

Parece obvio que, tendo en conta que os mandatos ordinarios durante catro anos dos cargos directivos, teñen que recaer preferentemente en profesorado con destino definitivo nel, mais tamén está claro que se poden producir outras situacións: que non haxa funcionariado definitivo suficiente no centro ou que ningunha destas persoas amose dispoñibilidade para exercer eses cargos. No caso de que exista outro persoal que queira exercelo, ben sexa en expectativa ou interino, debe autorizarse o seu nomeamento.

O que fai a Consellaría é, desde o punto de vista da CIG-Ensino, unha irregularidade por dous motivos: “en primeiro lugar pola formas, porque unha instrución interna non pode mais que aclarar o que unha norma legal regula mais nunca restrinxir ningún dereito nin ir máis alá do que a propia orde indica”. En segundo lugar polo fondo, toda vez que “se abre a posibilidade ao profesorado que non ten destino definitivo, o que é totalmente lóxico, non pode arbitrarse ningunha diferenza entre este pola súa relación laboral e, por tanto, o nomeamento, que terá que ser por un curso escolar, debe ser aberto tanto a docentes en expectativa como a persoal interino”.

A CIG-Ensino vai recorrer a decisión da Consellaría e solicitará que se negocie na Mesa Sectorial a normativa para o nomeamento de cargos directivos.

A absoluta arbitrariedade da Consellaría nos nomeamentos de cargos directivos

“O despropósito na toma de decisións da Consellaría no referente a nomeamentos de cargos directivos vese agravado pola arbitrariedade coa que se conduce nos diferentes centros”, afirma a CIG-Ensino.

 Así, no Conservatorio de Danza de Lugo vén de nomear este curso como directora a unha docente con destino definitivo noutra comunidade autónoma, mediante unha comisión de servizos que non foi previamente comunicada á Xunta de Persoal, existindo no centro tanto unha docente definitiva como persoal interino. É un nomeamento totalmente discrecional e que non responde a ningún criterio obxectivo nin norma que o ampare.

Ao mesmo tempo, hai outros centros nos que sen o menor problema hai compañeiras e compañeiros interinos que están a desempeñar con normalidade cargos directivos e nos que as xefaturas territoriais e as inspeccións non poñen atrancos. “Non podemos consentir que nun mesmo colectivo, o profesorado, se adopten decisións contraditorias, ás veces por preferencia da administración e outras por mala xestión e coordinación interna”. Para a CIG-Ensino, a Consellaría debe actuar conforme á lei sempre e en todas as ocasións, evitando un trato diferenciado entre os diferentes centros e o seu profesorado.

Volver