Tras máis de 36 días en folga de fame para denunciar as condicións penitenciarias propias no cárcere marroquí de Kenitra e do resto de persoas presas saharauís, alertouse da delicada situación de saúde e do perigo de morte de Naama Asfari, preso político saharauí. Asfari fora encarcerado de maneira ilegal e condenado a 30 anos de cadea, dos que leva cumpridos 15.
A súa condena produciuse a raíz da coñecida protesta de Gdeim Izik de 2010 –sobre a que cómpre lembrar que a presenza e intervención de ONG e xornalistas estranxeiros fora impedida por Marrocos, e que os únicos datos dispoñíbeis de persoas falecidas, feridas e detidas son os presentados pola autoridade marroquí, segundo referenciou o Observatorio dos Dereitos Humanos (HRW).
Trátase, pois, dun encarceramento arbitrario que vulnera os dereitos humanos e dun xuízo sen garantías, cunha condena baseada en confesións obtidas baixo prácticas de tortura e malos tratos, tal e como reafirmou o Comité das Nacións Unidas contra a tortura.
A folga de fame iniciada por Naama Asfari o 8 de xuño como acto de protesta referido como “A batalla pola dignidade” é un berro de desesperación ante a situación de violencia e tortura aos presos saharauís nos centros penitenciarios marroquís enmarcada na política de ocupación e colonización do Sáhara Occidental por parte do Reino de Marrocos. Mais pretende chamar tamén a atención da solidariedade internacionalista sobre a inacción e inoperancia dos organismos internacionais ante os propios ditames e resolucións que se ditan, cando non sobre o silencio e máxima pasividade como actitudes lexitimadoras da total impunidade da potencia ocupante.
A CIG súmase á campaña internacional “Salvemos a vida de Naama” para exixir:
- A súa inmediata liberación, xunto coa de todas as persoas presas políticas saharauís, en aplicación das resolucións da ONU e, concretamente, do ditame nº 23/2023 do Grupo de Traballo sobre a Detención Arbitraria que declarou ilegais estas detencións e demandou a Marrocos a adopción de medidas de reparación das graves violacións dos dereitos humanos.
- O acceso a unha atención médica urxente e a entrada da súa familia, do Comité Internacional da Cruz Vermella y da Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos (ACNUDH).
- A intervención da ONU e a visita de urxencia do Relator Especial sobre a Tortura aos centros de detención onde se encontran as persoas presas políticas saharauís.
En coherencia co apoio incondicional á causa pola liberación do Sáhara Occidental e o compromiso na loita e mobilización por un Sáhara libre e soberano, desde a CIG reiteramos e sumámonos á exixencia das demandas históricas da Fronte Polisario, da UGTSARIO e do pobo saharauí, tales como a garantía do dereito de autodeterminación e descolonización do Sáhara Occidental, a actuación do Goberno do Estado Español como potencia administradora para garantir a desocupación por parte de Marrocos e dereito ao retorno e o fin do espolio de recursos lexitimado pola Unión Europea.
Alén disto, a CIG manifesta a súa plena solidariedade con Naama Asfari e coas persoas presas políticas saharauís e fai un chamamento a sumarse á campaña “Salvemos a vida de Naama”.
Liberdade para Naama Asfari! Liberdade para as persoas presas políticas saharauís!