CIG-Ferroatlántica: "A Xunta non pode agardar máis para esixir o plan de viabilidade, cando as fábricas xa sofren as consecuencias da venda"

O persoal continuou esta tarde co calendario de mobilizacións semanais
Cee - 01 Out 2019

Traballadores e traballadoras de Ferroatlántica continúan co calendario de mobilizacións semanais e volveranse concentrar esta tarde, ás 19:30 horas, diante da casa do concello de Cee para esixirlle á Xunta de Galiza que lle reclame á empresa o cumprimento da legalidade e presente o preceptivo plan de viabilidade. Un plan que adquire especial urxencia cando xa se están a notar nas fábricas de ferroaliaxes as negativas consecuencias desta operación especulativa pactada entre FerroGlobe e TPG-Ithaka.

A sección sindical da CIG, como xa denunciou en días pasados, lembra que as fábricas están cos fornos rebaixados, xa que a empresa alega un suposto “exceso de produción”. A este respecto, sinalan que a día de hoxe a representación social continúa sen coñecer os termos exactos do acordo asinado entre FerroGlobe e TPG, "pero resulta obvio que este recorte se debe a non poder saír libremente ao mercado por depender dun único provedor e dun único cliente, que é FerroGlobe".

Pero ademais, advirten que a materia prima que está a chegar ás fábricas de Cee e Dumbría é a que non se quere noutros centros de traballo do Grupo, e que a súa mala calidade pon en perigo as instalacións e a integridade física dos traballadores e das traballadoras. "Como xa advertimos con anterioridade e estamos comprobando, FerroGlobe vai primar sempre os seus centros de traballo en detrimento dos nosos, ao darnos o trato de subcontrata por non pertencer o grupo", denuncia Alfonso Mouzo, voceiro da sección sindical.

Esta caída da produción entra en contradición co feito de que Ferroatlántica debe consumir a enerxía adquirida na poxa de interrompibilidade (que remata a 31 de decembro) para non ser penalizada. "A situación actual e de futuro, polo tanto, é moi preocupante, xa que a partir do 1 de xaneiro de 2020 volvemos a estar na mesma incerteza que este ano pero cun peor escenario", subliña Mouzo.

A pesar das numerosas incidencias rexistradas na fábrica de Brens durante estes días, a dirección do centro "non está a tomar ningún tipo de medidas" e leva meses sen convocar o comité de seguridade e saúde, incumprindo claramente a lexislación vixente.

Un mutismo da Xunta, indignante

E mentres os problemas medran no complexo industrial, a Xunta "segue sumida nunha pasividade inaudita", sen reunirse co comité, nin trasladar a documentación presentada pola empresa, nin esixirlle un plan de viabilidade para garantir a continuidade da produción de ferroaliaxes, o mantemento dos postos de traballo e que se respectE a cláusula esencial de vinculación da actividade das fábricas e da produción de enerxía.

Unha indolencia que contrasta coa actitude belixerante que o presidente galego e o conselleiro de Industria manteñen noutros conflitos como o de Alcoa ou o de Endesa, criticando precisamente ao Executivo español pola súa falta de actuacións e esixíndolle solucións urxentes. "Pero cando se lle pide á Xunta que defenda o emprego e o futuro industrial naqueles ámbitos nos que ten plenas competencias, como no caso de Ferroatlántica, o Goberno galego mantense nun mutismo indignante e nin sequera ten a ben requirir a empresa para que cumpra a legalidade vixente en relación aos dereitos concesionais".

Ante a gravidade da situación, a CIG reitera o chamamento a facer unha fronte común sindical, institucional e social, para esixir un plan de viabilidade que permita salvar a industria na comarca da Costa da Morte, tal e como está a acontecer na Mariña ou nas Pontes. "A que temos que agardar para conseguir aquí esa unidade de acción que si é posíbel noutras comarcas en crise, a que nos poñan enriba da mesa un ERE de extinción ou nos anuncien o peche das fábricas?", cuestionan.