CIG-Ferroatlántica: "Seguimos con dous fornos parados e a Xunta nada fai para garantir os empregos e industria na comarca"

Traballadores e traballadoras mobilizáronse en Cee coincidindo coa visita do conselleiro
Cee - 01 Abr 2019

Traballadores e traballadoras de Ferroatlántica Cee-Dembría e as Centrais Hidroeléctrica concentráronse na tarde do pasado sábado diante da Casa da Cultura para esixir a retirada do ERTE e a posta en marcha inmediata dos dous fornos parados. A protesta convocouse coincidindo coa reunión do persoal co conselleiro de Industria, Francisco Conde, que dende a sección sindical da CIG cualificaron de totalmente decepcionante.

Critican que o conselleiro se limitou a "botar balóns fóra", culpando da falta de solucións ao goberno español polo borrador do estatuto de consumidores electrointensivos "e poñéndonos no mesmo lugar que Ferroatlántica de Boo, Alcoa A Coruña e San Cibrao, etc.", mais sen atender ao feito de que a tarifa non supón, no caso concreto de Ferroatlántica, ningunha xustificación para ter parados os fornos das fábricas galegas.

Ademais, Conde volve obviar intencionadamente que a Xunta ten o titulo concensional das centrais hidroeléctricas que vincula á produción eléctrica á viabilidade e o emprego na produción de ferroaliaxes. A CIG lembra que as plantas de Cee e Dumbría poderían compatibilizar o sistema de compensación da interrompibilidade e o autoconsumo, o cal permitiría rebaixar considerabelmente o custe da enerxía. Non obstante, "foi Ferroatlántica quen de maneira voluntaria optou pola separación das liñas, co claro obxectivo de desvincular o complexo industrial das centrais hidroeléctricas e vender estas últimas".

"Nada fixo a Xunta dende a última reunión que tivemos no mes de febreiro. Mais daquela a fábrica de Boo tiña dous fornos parados e nós outros dous. Porén, agora Ferroatlántica arrancou os dous fornos en Santander e ten a fábrica ao 100% da actividade", aínda que producir nesta fábrica lle resulta máis caro porque ten os bloques menos subvencionados.

A este respecto censuran que "nós seguimos cos nosos fornos de manganeso parados e a Xunta nada fai por garantir os empregos e industria na comarca". Por iso, a sección sindical da CIG reitera o chamamento a continuar na loita e na unidade de acción "porque este é o único camiño para manter a actividade das fábricas vinculada ás centrais, xa que se sería inconcibíbel que pecharamos unidades produtivas a causa do prezo da enerxía, cando Ferroatlántica é produtora de enerxía".