CIG-Industria acusa a patronal do metal de "secuestrar" a negociación e denuncia o seu "bloqueo permanente"

Mantéñense as dúas novas xornadas de folga previstas para os días 16 e 17 de xuño
Nacional - 15 Xun 2026

O Metal mantén as dúas novas xornadas de folga logo de que a patronal mantivera, esta mañá unha posición de "inmobilismo total" na negociación do convenio colectivo da provincia da Coruña, ao presentar unha proposta que contempla unha suba salarial do 0,25% e a pretensión de manter a vixencia do convenio en catro anos.

Na xuntanza celebrada este luns a patronal confirmou que continúa "negándose a dar resposta nin a asumir as propostas" relativas á subrogación, á eliminación da precariedade e á redución de xornada de traballo.

A CIG-Industria considera, ante isto, que a patronal "volve secuestrar a negociación" logo de que xa durante a primeira semana do mes de xuño mantivera "bloqueada e secuestrada a mesa de negociación", negándose a manter reunións e limitándose a unha soa xuntanza.

Neste sentido, a CIG lembra que o pasado venres a representación sindical acudiu á reunión "amosando a nosa disposición a reunirnos as horas que fixeran falta até o día de hoxe, incluíndo o sábado e o domingo". Porén, denunciou que a patronal "nin quixo reunirse o venres pola tarde nin quixo máis reunións que a desta mañá".

Para a CIG é impresentable que a reunión rematase "sen dar contestación a ningunha das contrapropostas que, por segunda vez, deixou a parte social" e denuncia que a patronal volveu impedir a fixación dun calendario de reunións.

Por iso, anuncia que a parte social queda á espera de que a patronal convoque novas reunións e "deixe atrás este bloqueo permanente", establecendo un calendario de negociación.

Previsións

Así as cousas mantéñense as xornadas de folga e mobilizacións previstas para mañá e pasado, que terán continuidade os días 30 de xuño e 2 de xullo.

  • A Coruña:
    • 16 de xuño: concentración coincidindo coa celebración dun foro económico en ABANCA, a partir das 9:00 horas, no Cantón Grande da Coruña.
    • 17 de xuño: manifestación con saída ás 11:00 horas da Praza de Tabacos e rematará diante da Xunta de Galicia, en Monelos.
  • Compostela:
    • 16 de xuño: 13:00 horas, asamblea para explicar como foi a  negociacion de estos días.
    • 17 de xuño: 12:00 horas, manifestación desde diante de Facenda en Salgueiriños até a Alameda en Santiago
  • Ferrol:
  • 16 de xuño: 12:00 horas, manifestación dende a porta de Navantia.