CIG-Industria alerta de que á volta do verán haberá menos de 1.000 traballadores e traballadoras no naval de Vigo
Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional da CIG-Industria denunciou que o sector naval está agora peor que hai un ano. Asegurou que desde 2015 se perderon uns 400 postos de traballo só na ría de Vigo e alertou do “negro” futuro que se albisca pola situación na que se atopan os estaleiros que máis capacidade terían para xerar emprego: Vulcano e Barreras.
No caso de Vulcano, afirmou que “non hai ningunha contratación, aínda que desde a Xunta se anuncia que hai contactos con algúns armadores, pero non hai carga de traballo” e, no caso de Barreras explicou que “está previsto entregar o flotel de Pemex a finais do verán e entendemos que unha vez que se vaia haberá uns 300-400 traballadores que se irán para a rúa”.
Para a CIG-Industria isto implica que na ría de Vigo, a finais de verán, podería haber menos de 1.000 postos de traballo tanto directos como indirectos. Unha situación que segundo Bouzas poría en cuestión as afirmacións da Xunta de Galiza de que o sector está vivo e evidenciaría que “pouco a pouco está esmorecendo”.
Diante disto, o secretario nacional da CIG-Industria defendeu a necesidade de que a Xunta de Galiza entre nos Consellos de Administración tanto de Vulcano como de Barreras. “A Xunta deu, para a compra de Barreras por parte de Pémex, dous dos cinco millóns de euros e no caso de Vulcano, que estivo en concurso de acredores, PYMAR puxo moitos cartos aí. Son cartos públicos e entendemos que, se por parte da xestión privada destes estaleiros non se dá conseguido carga de traballo, a Xunta de Galiza, entendendo que o naval é un sector estratéxico, ten que implicarse e participar nos consellos de administración destes estaleiros”.
Polo que respecta a Metal Ship lembrou que tamén leva dous anos sen conseguir ningún tipo de contratación e subliñou que, ao final, os que están mantendo o emprego na ría de Vigo son os tres estaleiros pequenos: Freire, Armón e Cardama.
Tres estaleiros cun volume de toneladas de capacidade de construción de barcos moito menor pero que tamén están advertindo que, por parte da Xunta de Galiza non hai ningún tipo de axuda nin de coordinación para garantir a necesaria carga de traballo que evite que se repitan os problemas padecidos nestes anos.
Fondo de compensación para traballadores/as
Bouzas sinalou tamén que tras da sentenza do Tribunal Europeo, que declarou legal o tax lease, ACLUNAGA, ASIME e outras entidades están reclamando que se abran conversas coa administración, dadas as consecuencias que tivo para o sector.
Consecuencias que a CIG-Industria entende que padeceron especialmente as e os traballadores do naval que “foron os máis prexudicados”. A este respecto aclarou que desde 2007/2008 até 2011 se perderon no sector naval da ría de Vigo máis de 8.000 postos de traballo, pasando dos 10.000-12.000 que había daquela, aos 1.000-1.500 que hai na actualidade. “Moitos traballadores/as perderon o posto de traballo e estiveron padecendo ERES, primeiro temporais e despois definitivos ou extintivos e sufriron importantes perdas nas súas cotizacións”.
Por iso demandou da administración a creación dun fondo de compensación para que a todos os traballadores e traballadoras que entre o ano 2008 e o ano 2015 sufriron eses expedientes de regulación de emprego e despedimentos se lles compensen tanto as prestacións ou subsidios de desemprego como as pensións de xubilación, para que non teñan ningún tipo de diminución nas mesmas.